A Xunta reforza a rede de Centros Integrados de FP coa incorporación da Escola de Cantería de Galicia, especializada en edificación, construción e cantería

O Consello deu luz verde ao decreto que suporá un impulso deste oficio fomentando a innovación e a tecnoloxía e atendendo ás demandas do sector

Refórzase a oferta formativa con catro ciclos, incluído a nova titulación de alta especialización de Pedra natural en cantería

Con este, son xa 28 os centros integrados de FP, o triplo que en 2009, que son referentes en formación de calidade, emprendemento e empregabilidade

Lun, 08/07/2024 - 17:45
c

O Goberno galego vén de reforzar a Rede de Centros Integrados de FP coa incorporación á mesma do novo CIFP Escola de Cantería de Galicia, en Poio, como centro especializado no sector da edificación, a construción e a cantería, tal e como se reflicte no decreto de transformación desta escola en CIFP aprobado hoxe no Consello da Xunta.

Con este paso, o Goberno galego reforza a estrutura estratéxica da FP galega, aumentando ata 28 o número de CIFP dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para o curso 2024/2025, fronte aos nove que había en 2009, o que significa multiplicar por tres o número total.

Na práctica, a transformación desta escola en centro integrado tradúcese nun reforzo da oferta académica con catro novas titulacións para o vindeiro curso, entre as que se atopa a titulación de alta especialización en Pedra Natural en cantería, unha das 13 novas deste tipo que se incorporan a partir de setembro en Galicia, con 22 prazas.

A maiores, neste novo CIFP tamén se poderá cursar o ciclo básico en Reforma e Mantemento de Edificios (18 prazas), e os ciclos de FP dual en Construción (22 prazas) e en Proxectos de Edificación (30 prazas). Suman un total de 92 prazas de nova oferta para o vindeiro curso e o compromiso de seguir incrementando o número ano a ano ata superar as 300.

Plásmase así o reforzo da oferta vinculada á construción e restauración de edificacións en pedra e ao deseño a produción e á restauración de pezas artísticas en pedra. Ademais, tamén se impulsa a formación no ámbito artístico mediante a produción de elementos escultóricos en pedra, incluíndo a súa restauración.

Títulos homologados

Este impulso enmárcase no compromiso acadado logo de que o Goberno autonómico asumira o ano pasado a titularidade da Escola de Cantería de Poio, -ata aquel momento dependente da Deputación de Pontevedra-, para convertese nun centro público docente dependente da Consellería de Educación.

Un cambio que se traduce en melloras importantes para o alumnado, xa que a partir deste curso, ensinanzas que eran consideradas como formación non formal pasan a ser títulos oficiais, ademais de permitir que os antigos alumnos, que non tiñan un título homologado, poidan acreditar a experiencia profesional.

Por outra parte, a ampliación da rede de centros de FP enmárcase nun dos obxectivos recollidos na Estratexia de FP Galicia 2030, que establece como un dos seus eixes promover o papel dos centros integrados de excelencia como referencia para cada familia profesional e sector produtivo e que estes centros desenvolvan accións de innovación do profesorado coa participación activa do tecido empresarial e de institucións.

Na pasada lexislatura creáronse sete novos centros integrados, aos que se engade agora a Escola de Cantería de Galicia.