Román Rodríguez felicita aos tres másteres que acadan o selo de excelencia e que posicionan á Universidade como “referente en España”
Os recoñecementos desta cuarta edición son os másteres en Enxeñería Química e Bioprocesos pola USC; Química Orgánica pola USC, UAM e UCM, e Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental pola UDC
Son xa unha ducia as titulacións con este recoñecemento que lograron acreditar, nos últimos anos, a súa calidade a nivel científico, técnico e formativo
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, enxalzou o modelo da universidade galega como “referente en España” durante o acto de recoñecemento aos másteres universitarios que acadan a Mención á Excelencia, “unha iniciativa pioneira que potencia a calidade das nosas universidades”. No acto tamén estivo presente o reitor da USC, Antonio López, e o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez.
O representante da Xunta participou nesta cita na que se recoñeceu o traballo de tres titulacións de máster: Enxeñería Química e Bioprocesos (Campus Santiago) da Universidade de Santiago de Compostela (USC); en Química Orgánica (Campus Santiago) da USC, a Universidade Autónoma de Madrid (UAM) e a Universidade Complutense de Madrid (UCM), e en Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental (Campus Coruña) da Universidade da Coruña (UDC). Uns títulos que acadaron unha gran puntuación, “o que demostra o gran nivel que atesouran as nosas universidades independentemente da disciplina”, incidiu Román Rodríguez, quen aproveitou para trasladar os seus parabéns ás universidades e aos coordinadores dos másteres.
12 titulacións co selo de excelencia
Con estas novas incorporacións, xa son 12 as titulacións que contan con esta mención que reflicte a súa calidade e nivel de solvencia científica, técnica e formativa tras a súa primeira edición no curso 2019/20.
Os primeiros que obtiveron o recoñecemento foron os másteres en Enxeñería Informática e en Bioloxía Molecular, Celular e Xenética, ambos da UDC, así como o de Enxeñería Ambiental da USC. Tamén recibiron esta mención Bioinformática para Ciencias da Saúde (UDC), Biotecnoloxía Avanzada (conxunto entre UVigo e UDC) e Tradución para a Comunicación Internacional (UVigo), Matemática Industrial (impartido entre USC, UDC e UVigo), Computación de Altas Prestacións (entre A Coruña e Santiago) e Produción Xornalística e Audiovisual (da UDC).
Con este selo de excelencia “favorécese a competitividade destas titulacións, acreditando o seu elevado nivel académico e a solvencia científico técnica dos estudos”, sinalou o conselleiro de Universidades. “A través desta convocatoria anual queremos seguir amosando o noso compromiso coa excelencia na comunidade universitaria galega e coa mellora na formación especializada”, engadiu.
Iniciativas para potenciar calidade e especialización
Máis alá da Mención á Excelencia a titulacións universitarias oficiais de máster, Xunta e Sistema Universitario de Galicia (SUG) traballan en conxunto para fomentar a excelencia, a calidade e a adaptación da oferta formativa ás demandas da sociedade. A través do Mapa de Titulacións 2021-2026 estrearanse o curso que vén cinco másteres novos e estase traballando para poñer en marcha outros dous máis.
Así mesmo, as universidades galegas teñen un plan de financiamento plurianual estable, mobilizando case 3.200M€ para o período 2021-2026, trabállase para acadar o 1% do PIB de investimento de recursos públicos en dous anos, así como a implantación desde xa da gratuidade da 1ª matrícula para todas as titulacións.
Ademais, Galicia está sendo pioneira no deseño dun modelo de graos e másteres duais no que o alumnado combinará formación nas aulas, cun vínculo regrado e remunerado nunha empresa. “Uns datos importantes para seguir construíndo unha Universidade de primeiro nivel, con campus de alta especialización, proxectada ao escenario global, con suficiencia de financiamento e capaz de xerar resultados progresivos”, concluíu Román Rodríguez.