Publicada no Diario Oficial de Galicia a gratuidade da matrícula para os estudantes de grao universitario e de ensinanzas artísticas superiores

A Xunta formaliza así o compromiso con esta medida que se aplicará desde o día 10, coincidindo coa primeira quenda de matrículas nas universidades públicas galegas

Terán matrícula de balde todos os que inicien estudos en primeiro curso así como os de segundo e posteriores cursos que superen entre o 65% e o 90% dos créditos

A maiores, as taxas de máster continúan conxeladas para o conxunto do alumnado, ao igual que as de grao para aqueles que non cumpran con requisitos da gratuidade

Esta medida supón un aforro medio de 3.000 euros para as familias por cada fillo estudante de grao

Mér, 03/07/2024 - 15:25
a

O publica hoxe os decretos de gratuidade da matrícula para os estudos de grao universitario así como para os de ensinanzas artísticas superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos. A Xunta formaliza así o compromiso con esta medida que vai operar xa desde a próxima semana, cando o mércores se abra a primeira quenda de matrícula nas tres universidades públicas galegas.

Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao universitario ou de grao en ensinanzas artísticas superiores no curso 2024-25 terán bonificado o prezo da matrícula, o que supón maior facilidade de entrada para todos os estudantes e contribúe á igualdade de oportunidades. Ademais, a medida supón un aforro medio de 3.000 euros para as familias por cada fillo estudante de grao universitario.

Bonificación do 99%

No que atinxe aos estudos de grao, todo o alumnado de novo ingreso obterá unha bonificación equivalente ao 99% da matrícula para iniciar os seus estudos nas tres universidades públicas galegas ou nun centro público galego de ensinanzas artísticas superiores. Isto supón que os alumnos que cumpran os requisitos tan só aboarán o 1% do custo da matrícula, o que se traduce nunha cantidade simbólica de 7,1 euros ao ano de media como taxa. É dicir, 0,6€ de media ao mes.

Para iso deberá cumprir co requisito de ter superado a ABAU nas convocatorias de 2024 ou ben as probas específicas para maiores de entre 25 e 45 anos organizadas pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) ou ter superado un ciclo de FP de grao superior no curso 2024.

No caso do alumnado de continuidade de 2º curso en adiante, deberá ter cursado estudos de grao en Galicia no 2023-24 e matricularse no curso 2024-25 na totalidade dos créditos correspondentes ás materias previstas para o curso de que se trate, nunha das tres universidades públicas galega.

A maiores, deberá ter superado as porcentaxes de crédito matriculados, algo que varía segundo a área de coñecemento: 90% dos créditos par as áreas de Artes e Humanidades e de Ciencias Sociais e Xurídicas, 80% para Ciencias da Saúde e 65% para as de Ciencias e Enxeñaría e Arquitectura.

Doutra banda, para aqueles alumnos universitarios que non cumpran cos requisitos de gratuidade, o DOG tamén ratifica de novo a conxelación das taxas de grao e máster para o vindeiro curso, co que Galicia levará 14 anos consecutivos coas taxas universitarias conxeladas. Así pois, todos os alumnos que cursen un máster universitario e aqueles que cursen un grao e queden excluídos da gratuidade por non cumprir os requisitos aboarán un prezo medio de 11,89€/crédito.

Ensinanzas artísticas Superiores

Así mesmo, o alumnado de ensinanzas artísticas superiores tamén se beneficia da gratuidade da matrícula destes estudos que, no caso dos de novo ingreso, deberán ter superado as probas específicas de acceso en Galicia. Quedan exentos deste requisito os que acceden directamente aos estudos superiores de Grao en Deseño ou en Conservación e restauración de Bens Culturais sen necesidade de realizar a proba específica de aceso ao ter acadado un título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño.

Para o alumnado de continuidade (de 2º a 4º curso), para optar á bonificación do 99%, requírese estar matriculado en curso completo nun centro público de Galicia no curso anterior e ter superado en primeira matrícula como mínimo o 90% das totalidade deses créditos.