A captación de contratos e proxectos por parte do CiTIUS permitiu quintuplicar o investimento da Xunta neste centro de investigación de excelencia

O Goberno galego está a investir máis de 5M€ neste centro no período 2021-2027, no marco da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia

Mar, 02/07/2024 - 14:17
c

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, participaron hoxe na Comisión Reitora do Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), onde se fixo balance da actividade do centro nos últimos meses e se presentaron os novos proxectos captados.

A este respectos, informouse de que o investimento da Xunta de Galicia neste centro no último trienio, algo máis de 2,8M€, foi multiplicado por cinco a través de recursos asociados sobre todo á captación de contratos e proxectos de investigación, tanto de fondos públicos como privados. Destaca especialmente o incremento da súa captación de fondos internacionais, nos que o CiTIUS multiplicou por preto de 4 cada euro captado no trienio anterior.

Neste sentido, o representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que o Goberno galego vén de incrementar nun 31% o financiamento da Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, da que forma parte o CiTIUS, sumando ademais novos centros. No caso do CiTIUS, disporá de máis de 2,4M€ ata 2027, máis as achegas complementarias a través doutros convenios do ámbito da I+D.

Novos proxectos

No que atinxe aos novos proxectos, o centro compostelán vén de acadar un financiamento acumulado de 9M€ para catro iniciativas. Dúas delas teñen carácter nacional e consisten no desenvolvemento de dúas cátedras: Cátedra USC-Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión e Cátedra Chip USC-Televés en deseño microelectrónico: innovación no deseño e fabricación de microchips avanzados.

Os outros dous proxectos son internacionais. Un deles, RePowerSIC, liderado desde o CiTIUS para toda Europa, céntrase na alimentación de vehículos espaciais mediante conversores de potencia alimentados a través de láseres de alta eficiencia. A outra iniciativa ten como obxectivo proporcionar experiencias de Realidade Virtual para mellorar a saúde mental e está financiada directamente desde unha fundación dos Estados Unidos.