A Xunta apoia con 8 M€ a mellora das infraestruturas de investigación e ensaio dos centros tecnolóxicos galegos

O Consello da Xunta autoriza a resolución das axudas para fortalecer e ampliar as capacidades científico-tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos Aimen, CETIM, CTAG e Gradiant mediante o apoio a investimentos

O obxectivo é facilitar o seu crecemento potenciando a súa internacionalización e reforzar as súas actividades de transferencia cara o tecido produtivo

Esta terceira convocatoria de fortalecemento dos centros tecnolóxicos galegos, que inclúe por primeira vez tanto edificación como equipamento, contribuirá ao mantemento de 516 postos de traballo

Desde a posta en marcha deste programa no 2018, téñense apoiado en total 19 proxectos con axudas por 17 millóns de euros, mobilizando 35 millóns de euros

Lun, 01/07/2024 - 18:33
g

A Xunta vai apoiar a mellora das infraestruturas de investigación e ensaio de catro centros tecnolóxicos galegos con 8M€, do que se deu conta hoxe no Consello da Xunta, autorizando dúas delas por superar os 3M€ de axuda pública. A actuación, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, busca apoiar os investimentos neste eido dos centros tecnolóxicos Aimen, CETIM, CTAG e Gradiant. Esta terceira convocatoria permitirá mobilizar ao redor de 16 M€ contribuíndo ao mantemento de 516 postos de persoal altamente cualificado.

Con esta liña de axudas, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a través da Axencia Galega de Innovación, apoia a creación e ampliación das infraestruturas de investigación e experimentación de catro centros tecnolóxicos galegos, cubrindo desde a adquisición de terreos e equipamento ata a construción ou ampliación de edificacións e activos inmateriais.

O obxectivo destas axudas é reforzar as capacidades científico-tecnolóxicas dos centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación galegos para acadar unha I+D+i pioneira capaz de atraer talento e investimento privado, mellorando o posicionamento galego a nivel internacional, e facilitar o seu crecemento, excelencia e actividades cara ao tecido produtivo. Ademais, os proxectos están orientados á xeración de capacidades nos ámbitos estratéxicos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia, evitando solapamentos coas infraestruturas xa existentes e favorecendo sinerxías entre elas.

Cada solicitude inclúe un plan de explotación adaptado ao tipo de infraestrutura que permitirá comprobar a sustentabilidade financeira das mesmas e estimar o seu impacto potencial no ecosistema galego de innovación. A intensidade dos apoios é a máxima permitida para este tipo de axudas, o 50 %.

Infraestruturas apoiadas

No caso de Aimen, que recibirá algo máis de 3,2M€, realizará un investimento de 6,4M€ destinado á construción dun novo centro de fabricación intelixente no Porriño , onde se lanzarán novas liñas de infraestruturas singulares de fabricación avanzada e sustentable e de dixitalización punteiras en ámbitos de grande impacto para Galicia como o transporte, a enerxía e a construción, así como reforzar e fortalecer as xa existentes.

O CETIM, con sede en Culleredo e que recibirá ao redor de 442.000 euros, investirá 883.000 euros na mellora da súa excelencia científica e de investigación no eido da Economía Circular, focalizando os esforzos nos seis ámbitos de investigación estratéxica do centro: baterías, augas, hidróxeno verde, polímeros sustentables, materiais de construción sustentable e industria sustentable.

O CTAG, que obtén unha axuda de 4M€, realizará un investimento de 8M€ en infraestruturas de investigación no Porriño asociadas ás liñas de investigación da mobilidade autónoma, conectada, segura e ecolóxica que caracterizan o futuro da industria do automóbil.

Por último, Gradiant, cun apoio de preto de 263.000 euros en Vigo, ten como obxectivo a adquisición e posta en marcha dunha infraestrutura de investigación e computación a baixa escala para a realización de actividades de I+D en tecnoloxías de alto impacto e potencial de aplicación en diversos ámbitos, cun orzamento total de preto de 526.000 euros. En concreto, ditas actividades propoñen a investigación en tecnoloxías cuánticas, micro-nanoelectrónica e fotónica, computación confidencial, análise multimedia, tecnoloxías da linguaxe e, en xeral, intelixencia artificial aplicada.

Balance desta liña de axudas

En total, a través das tres convocatorias desta liña de axudas (2018, 2020 e 2024) téñense apoiado en total 19 proxectos con axudas por importe de 17 millóns de euros, mobilizando 35 millóns de euros. Pero non son as únicas destinadas a estes entes e, de feito, desde o ano 2009, o Goberno autonómico ten destinado preto de 26 M€ en apoios aos centros tecnolóxicos galegos a través de financiamento basal e diferentes programas de concorrencia competitiva. Estas infraestruturas ocupan unha posición destacada no ecosistema galego de I+D+i pois o seu papel é esencial na transformación da economía polo seu potencial para xerar vantaxes competitivas no tecido empresarial.