A Xunta destina case 450.000€ ao cofinanciamento de 17 comedores escolares que dan servizo a 780 alumnos

O Goberno galego incrementou este curso as partidas para estas colaboracións entre un 10 e un 20% para axudar a estas entidades a facer fronte á inflación

Renóvanse os acordos con 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades e coa Deputación de Pontevedra para 557 alumnos con necesidades

Tamén se dá continuidade aos convenios cos concellos de Oroso, Manzaneda e Vilalba, a través dos que se facilita o servizo a 223 escolares

Lun, 01/07/2024 - 18:22
c

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á renovación de 17 convenios de colaboración con diferentes entidades e concellos para o cofinanciamento do servizo complementario de comedor escolar. En total destinaranse case 450.000€, a través dos que se atenderá a 780 alumnos.

O Goberno galego incrementou este curso as partidas para estas colaboracións entre un 10 e un 20%, con especial fincapé na atención ás necesidades específicas de atención educativa, co fin de contribuír a que estas entidades fixeran fronte á inflación.

O investimento máis importante ten como obxectivo facilitar o servizo de comedor adaptado aos alumnos con necesidades educativas específicas. Para iso, por una banda renóvanse os acordos para o curso 2024/25 con 13 asociacións especializadas na atención a persoas con discapacidades, cun investimento total de 264.067€ para os 517 usuarios destas entidades, 14 máis ca no curso anterior.

En concreto, asinaranse addendas aos convenios xa subscritos coa Asociación de Apoyo a Personas con Diversidad Intelectual (ACEESCA), coa Asociación de Atención a la Parálisis Cerebral y Afines (AMENCER—ASPACE), coa Asociación de Familias de Persoas con Discapacidade Psíquica das Comarcas do Barbanza e Noia (AMICOS), coa Asociación de Padres de Personas con Parálisis Cerebral – A Coruña (ASPACE), coa Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES), coa Asociación en Favor de las Personas con Discapacidad Intelectual de la Provincia de Pontevedra (ASPANAEX), coa Asociación Pro Personas con Discapacidad Intelectual de Galicia (ASPRONAGA), coa Asociación Autismo Ourense, con Hogar y Clínica San Rafael de Vigo, coa Asociación BS A Esperanza do Val Miñor, coa Fundación Menela, coa Asociación San Xerome Emiliani e coa Asociación Nuestra Señora de Chamorro.

O obxectivo destes acordos é facilitar a este alumnado o servizo de comedor adaptado ás súas particulares necesidades, de tal forma que as asociacións colaboradoras asumen a súa atención e coidado durante o período comprendido entre o fin das clases e o remate do servizo de comedor. Deste xeito, o alumnado pode aproveitar o carácter didáctico do comedor no que atinxe á aprendizaxe de habilidades que redunden nunha maior autonomía persoal e, polo tanto, nunha maior inclusión.

Por outra banda, asinarase unha addenda ao convenio coa Deputación de Pontevedra para facilitar o servizo de comedor escolar a alumnos e coidadores do CEE Pontevedra (un centro pertencente á Consellería) en dependencias da residencia provincial situada na cidade infantil Príncipe Felipe e que depende do ente provincial.

Trátase, tamén neste caso, dun servizo de comedor axustado ás necesidades especiais deste alumnado. O importe é de 23.923,20 € para atender ao 40 usuarios.

Apoio aos concellos

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP está a colaborar cos concellos que solicitaron a xestión dos comedores escolares de centros de ensino do seu municipio. Neste Consello autorizouse a renovación dos acordos subscritos cos concellos de Oroso, Manzaneda e Vilalba para os cursos 2024/25 e 2025/26.

Deste xeito, cofinanciarase o servizo de comedor a 110 alumnos do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso), a 38 do Colexio CEIP de Manzaneda e a 75 da Escola de Educación Infantil de Vilalba, neste último caso cun incremento de 30 usuarios respecto do curso 2023/24. O importe total ascende a 160.556€, o que supón un incremento de 14.685€ por ano académico.