A Xunta celebra os 20 anos do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo formando á canteira desta disciplina en Galicia

É o centro da Xunta onde se pode cursar ensinanzas elementais e profesionais de danza e o único en Galicia coa especialidade de contemporánea

Desde a súa creación, duplicou a matrícula e organiza numerosas actividades culturais e de promoción das ensinanzas dentro e fóra de Galicia

Ven, 28/06/2024 - 23:54
Alumnado e profesorado posando no escenario

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, asistiu hoxe á gala do 20 aniversario do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo, o centro dependente da Xunta onde se poden cursar as ensinanzas elementais e profesionais de danza na nosa Comunidade e as ensinanzas profesionais de danza na especialidade danza contemporánea

No evento, celebrado no Auditorio Municipal Gustavo Freire de Lugo, participou unha pequena representación do ex alumnado do centro que na actualidade está a desenvolver a súa carreira no eido da danza, e que no seu momento formou parte da canteira desta disciplina que o Conservatorio leva dúas décadas formando

O centro iniciou a súa actividade no ano 2003 e foi medrando ata que no curso 2011/2012 acadou a implantación definitiva das ensinanzas de danza, cos catro cursos de grao elemental e os seis cursos de grao profesional nas especialidades de Danza clásica e Danza contemporánea. Este crecemento reflíctese tamén no alumnado matriculado, que hoxe é o dobre que hai 20 anos.

O Conservatorio Profesional de Danza conta, ademais, coa única biblioteca especializada en danza de Galicia e cunha comunidade educativa moi dinámica, que programa unha grande cantidade de actividades culturais e de promoción e organiza obradoiros con coreógrafos galegos de prestixio internacional, ofrecendo ao alumnado a oportunidade de entrar en contacto coa creación coreográfica máis actual.