Galicia contribúe a avanzar na medicina personalizada de precisión no marco do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde

A participación galega está liderada pola Fundación Kaertor, ademais da presenza das tres universidades públicas e das tres fundacións de investigación sanitaria

Galicia coordina a liña de cribado de fármacos e está a desenvolver 15 proxectos disruptivos sobre descubrimento de fármacos, nanotecnoloxía, terapia celular e aplicación biomédica das TIC e da intelixencia artificial (IA) cunha dotación de 3M€

Román Rodríguez subliña o apoio económico da Xunta de Galicia a este proxecto para contribuír ao progreso da medicina a través da innovación

Ven, 28/06/2024 - 14:28
Foto de grupo con Román no centro

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, destacou esta mañá que o traballo cohesionado de todos os axentes de coñecemento con capacidades no eido da biotecnoloxía “contribuirá ao avance da medicina personalizada de precisión e, polo tanto, a facer fronte aos grandes desafíos aos que nos enfrontamos”, como a mellora nos diagnósticos e nos tratamentos avanzados.

 

O representante da Xunta de Galicia fixo estas declaracións na inauguración da xornada de presentación do Plan Complementario de Biotecnoloxía aplicada á Saúde en Galicia, onde tamén gabou “o gran labor que está a realizar a Fundación Kaertor”, a encargada de liderar a participación galega. Xunto ao conselleiro, interviñeron tamén Josep Samitier, coordinador do Plan Complementario de Biotecnoloxía Aplicada á Saúde; Mabel Loza, coordinadora para Galicia do Plan, e Raquel Yotti, comisionada do PERTE de Saúde de Vangarda.

 

“Este traballo faime reflexionar na importancia do carácter aglutinador, pois o feito de que neste plan esteamos sete comunidades coordinadas a través do Ministerio e na que todos os implicados tratan de aportar o seu valor e coñecemento ao proxecto é algo a destacar”, subliñou o titular de Ciencia, quen tamén valorou o papel de Galicia neste eido: “O traballo dos nosos investigadores é moi importante para lograr mellorar a calidade de vida das persoas, algo polo que temos que seguir traballando sen descanso, pois a ciencia non é un fin en si mesmo, senón un medio”.

 

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, apuntou que a biotecnoloxía seguirá sendo “o aspecto diferencial da prosperidade médica e innovadora e, por este motivo, Galicia continuará apoiando as iniciativas vencelladas ao seu desenvolvemento”, como a participación neste Plan ou a Estratexia Galega de Consolidación da Biotecnoloxía. Dito plan, elaborado por sete comunidades e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades ten como obxectivo desenvolver ferramentas para a medicina personalizada a través de seis liñas de actuación.

 

A participación galega, dotada con 3M€ procedentes do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e de fondos propios da Xunta de Galicia, agrupa ás tres universidades públicas e ás tres fundacións de investigación sanitaria, baixo a coordinación da Fundación Kaertor e o cofinanciamento da Xunta de Galicia. Os axentes galegos desenvolven 15 proxectos de investigación disruptivos sobre descubrimento de fármacos, nanotecnoloxía, terapia celular e aplicación biomédica das TIC e da intelixencia artificial (IA) e coordinan a liña de cribado de fármacos. Esta última liña traballa na identificación de novas dianas terapéuticas e no desenvolvemento de fármacos específicos personalizados que maximicen o seu potencial terapéutico minimizando os efectos adversos.

 

Investimento de 45,6M€ en catro plans

Galicia participa noutros tres plans complementarios: Comunicación
Cuántica, Ciencias Mariñas e Biodiversidade. Para os catro plans, incluído o de Biotecnoloxía aplicada á Saúde, conta cun orzamento global de 45,6M€, dos que 26,5M€ son de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e 19,1 de fondos propios. Os plans complementarios son unha ferramenta para a posta en marcha de programas de investigación en áreas estratéxicas, cogobernados e cofinanciados polo Estado e as comunidades autónomas. Estes plans aspiran a fortalecer o sistema español de I+D+i establecendo colaboracións e aliñando os esforzos da administración central, as comunidades autónomas e os fondos europeos ante retos clave.

 

O compromiso da Xunta de Galicia coa biotecnoloxía recóllese na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia que aspira a converter Galicia nunha biorrexión de referencia no horizonte do 2025.