Román Rodríguez avoga polo bo uso dos avances tecnolóxicos como ferramenta de progreso e cohesión

O conselleiro de Educación participa na inauguración do foro internacional sobre innovación Ecosystems2030 baixo o título ‘Mulleres en liderado’

Ven, 28/06/2024 - 12:18
Román falando nun atril

A Xunta de Galicia vai apostar polo impulso e aproveitamento dos avances tecnolóxicos, como a intelixencia artificial, para poñelos ao servizo do desenvolvemento produtivo e a cohesión social. Así se comprometeu o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, con motivo da inauguración do foro Ecosystems2030 baixo o título Mulleres en liderado.

 

O titular de Ciencia da Xunta avogou por priorizar “as novas tecnoloxías como ferramentas que benefician a inclusión e o fomento das oportunidades” co obxectivo de “lograr a transmisión de coñecemento e repercutir no avance social e económico”.

 

Román Rodríguez fixo fincapé “na importancia dun desenvolvemento sostible da dixitalización das novas tecnoloxías e no uso adecuado dos recursos”. Isto posibilitará un maior “crecemento económico, melloras na sociedade e combater a brecha de xénero”, engadiu o conselleiro. Non en balde, aproveitou o foro para invitar aos asistentes e relatores a deseñar e programar as novas tecnoloxías dirixíndose a toda a poboación, sen estereotipos e prexuízos. Ao longo do congreso, moitas mulleres líderes nos seus respectivos ámbitos servirán de inspiración para avanzar neste traballo.