Os centros de FP galegos contarán o vindeiro curso con 80 aulas de tecnoloxía aplicada, cun investimento de 4,4M€

A partir de setembro sumaranse 38 novas aulas, cunha achega de 55.000€ para cada un delas

O conselleiro explica que o programa é unha “oportunidade única para dotar aos centros de equipamento tecnolóxico ao nivel do que atoparán os alumnos nas empresas, o que redunde nunha mellora significativa da súa formación”

Xov, 27/06/2024 - 16:08
Román e Eugenia falando con varias persoas, de visita

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo, onde anunciou que os centros que imparten estas ensinanzas contarán o vindeiro curso con 80 espazos de tecnoloxía aplicada co obxectivo de mellorar a cualificación dos estudantes, permitíndolles a simulación de centros de traballo e contornas laborais reais. Durante a visita estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.

 

A Xunta de Galicia vén resolver a convocatoria deste programa para o curso que vén, coa incorporación de 38 novos espazos. Na provincia da Coruña atópanse 14 aulas, dos concellos das Pontes, A Coruña, Betanzos, Carballo, Ferrol, Pontedeume, Ponteceso, Ribeira e Santiago de Compostela; na provincia de Lugo son sete espazos dos concellos de Burela, A Pontenova, Foz, Lugo, Mondoñedo e Monforte de Lemos; en Ourense son seis, de Vilamarín, O Barco de Valdeorras e Ourense, e en Pontevedra hai 11, dos municipios de Cangas, Valga, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Moaña, Pontevedra e O Porriño.

 

Estes súmanse aos 42 xa en funcionamento, a maior parte deles (36) situados en Centros Integrados de FP. Cada un deles recibirá un orzamento de 55.000€, conformando un investimento total de 4,4M€ nesta iniciativa.

 

O titular do departamento educativo da Xunta puxo en valor este programa como “unha oportunidade única para dotar aos centros de equipamento tecnolóxico ao nivel do que se van atopar despois os alumnos nas empresas, de tal forma que isto redunde nunha mellora significativa da formación dos titulados da FP galega”.

 

Empregabilidade e conexión coas empresas

“Esta iniciativa entronca directamente cos obxectivos da Estratexia FP Galicia 2030 e do Plan Innova FP Galicia que, xunto co Plan FPGal360 de orientación profesional integral, son as follas de ruta da Xunta para que o noso modelo de FP acade novas cotas de éxito e, sobre todo de empregabilidade e conexión co tecido produtivo”, afirmou o conselleiro.

 

O CIFP Politécnico de Lugo é un dos centros que participan xa no programa e que incorporará o vindeiro curso un novo espazo de tecnoloxía aplicada. O novo proxecto consiste nunha aula tecnolóxica de dixitalización, escaneado e fabricación aditiva (Proxecto AT DIESFA). Estará equipada con impresoras 3D, tanto de filamento como de resina, e tecnoloxía de escaneado tridimensional, xunto con software específico para maximizar o uso destes equipos. Ademais, incorporarase unha máquina de medición por coordenadas para complementar as capacidades de verificación e control de calidade dos produtos fabricados.

 

“Este espazo non só beneficiará ao alumnado de fabricación mecánica, senón tamén a outras áreas como saúde e edificación, apoiando unha ampla gama de disciplinas profesionais e técnicas dentro do centro”, sinalou Román Rodríguez.

 

Neste sentido, o conselleiro destacou que o Politécnico de Lugo vai incorporar novos ciclos o ano que vén, como o superior de FP Dual Intensiva en Procesos e Calidade na Industria Alimentaria, o máster de FP en Instalación e Mantemento de Sistemas Conectados a Internet e a oferta parcial do ciclo de grao superior en Dietética na modalidade de adultos.

 

No transcurso da visita, Román Rodríguez tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o funcionamento do espazo de tecnoloxía aplicada que xa está en funcionamento no CIFP Politécnico de Lugo, pensado para facilitar a formación do alumnado en aspectos da Industria 4.0, simulando as contornas laborais a través de recursos didácticos reais e virtuais, software de simulación e xeración de xemelgos dixitais. Isto permite ao alumnado traballar nas principais áreas tecnolóxicas da dixitalización da industria.

 

Novos espazos

A través do programa de espazos de tecnoloxía aplicada, os centros de FP poden dotar as súas aulas con ferramentas e elementos que simulan as contornas laborais, nas que se poden empregar metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, incorporando recursos apoiados en tecnoloxías dixitais tales como simuladores ou xemelgos dixitais.

 

Así, os espazos están dotados de equipamento como impresoras 3D, sistemas de realidades inmersivas e de realidade mixta/virtual, sistemas holográficos, recursos de intelixencia artificial aplicada ou equipos informáticos de altas prestacións, entre outros, en función das especialidades e familias profesionais.

 

O obxectivo é reforzar a conexión das ensinanzas de FP coa realidade dos centros de traballo e dinamizar a transferencia tecnolóxica entre os centros e o tecido produtivo.

 

Os centros que incorporan os novos espazos para o vindeiro curso son os seguintes:

Concello

Centro

Proxecto

A Coruña

CIFP Imaxe e son

Aula de radio 360 con produción multimedia inmersiva ambisónica e aumentada

A Coruña

CIFP Universidade Laboral

Aula inmervisa VR e de aplicacións AI

A Coruña

IES Urbano Lugrís

Aula de sites 5G

A Pobra do Caramiñal

IES da Pobra do Caramiñal

Espazo tecnolóxico integrado para os coidados auxiliares de enfermaría

A Pontenova

IES Enrique Muruais

Aula tecnolóxica “O Regazal”

As Pontes

IES Plurilingüe Castro da Uz

Aula tecnolóxica de simulación aumentada na FP

Betanzos

IES As Mariñas

Aula automatizada con control virtual, SCADA e realidade aumentada

Burela

IES Perdouro

DixitAula. Operacións e intervencións de alta tecnoloxía

Cangas

IES de Rodeira

Laboratorio de audio e gravación.

Carballo

IES Monte Neme

OnDaS IoTLAB

Ferrol

CIFP Ferrolterra

TERA: Espazo tecnolóxico de enerxías renovables e auga

Ferrol

CIFP Leixa

Leixa saúde 4.0

Ferrol

CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro

Espazo de investigación e innovación de edificación (EiiE)

Foz

IES de Foz

Aula tecnolóxica do torrado do café

Lugo

CIFP As Mercedes

Conversión de aula eléctrica tradicional en aula tecnolóxica de control e simulación industrial

Lugo

CIFP Politécnico de Lugo

Aula tecnolóxica de dixitalización, escaneado e fabricación aditiva (Proxecto AT DIESFA)

Maceda

IES San Mamede

Lab Tech de programación multiplataforma

Moaña

IES Plurilingüe A Paralaia

Aula 4.0

Mondoñedo

IES Plurilingüe San Rosendo

Espazo de produción tecnificado

Monforte de Lemos

IES A Pinguela

Techno Shoemakers

O Barco de Valdeorras

IES Lauro Olmo

Aula Tech para peiteado

O Porriño

IES Ribeira do Louro

Aula-obradoiro polivalente intelixente orientado á pedra natural

Ourense

CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel

Espazo tecnolóxico de Intelixencia Artificial e Realidade Estendida

Ourense

CIFP A Farixa

Escenario Virtual Múltiple

Ourense

IES Universidade Laboral

Espazo de Tecnoloxía Aplicada no IES Universidade Laboral

Pontedeume

CIFP Fraga do Eume

Aula Multisensorial Polivalente

Ponteceso

IES Eduardo Pondal

Aula tecnolóxica para a calibración e aliñación de vehículos

Pontevedra

CIFP A Xunqueira

Aula tecnolóxica para a simulación de procesos produtivos na industria da madeira.

Pontevedra

IES Frei Martín Sarmiento

Aula CAD-CAM 4.0

Ribeira

CIFP Coroso

Aceleración Eco: Innovación en electromobilidade

Santiago de Compostela

CIFP Politécnico de Santiago

Aula de automatización industrial, robótica e dixitalización do mantemento

Valga

IES Plurilingüe de Valga

Espazo multifuncional de robótica aplicada a soldadura, ensaios, automatismos e impresión 3D.

Vilagarcía de Arousa

CIFP Fontecarmoa

Simulación de tenda e RV para os ciclos de comercio

Vigo

CIFP Audiovisual de Vigo

A aula inmersiva da EAV, ensinando cos tempos

Vigo

CIFP Manuel Antonio

Hotel Lab 5.0: centro de innovación hoteleira

Vigo

CIFP Valentín Paz Andrade

Aula Robótica 4.0

Vigo

IES Politécnico de Vigo

Aula colaborativa intelixente

Vilamarín

CIFP de Vilamarín

Aula Labintec Laboratorio de investigación tecnolóxica