O alumnado galego que estude portugués no seu centro educativo poderá acreditar o seu nivel lingüístico de xeito gratuíto

Román Rodríguez agradece a colaboración portuguesa para mellorar a formación dos estudantes galegos, poñendo en valor os vínculos coa lusofonía

Trátase dun acordo pioneiro do que se poderán beneficiar estudantes de 4º de ESO e 2º de Bacharelato

Farán as probas Camões Júnior desde os seus propios centros e poderán certificar os niveis A1, A2 e B1

Lun, 24/06/2024 - 15:26
Romá Rguez dandolle a man ao Embaixador luso

O alumnado que estude portugués como primeira ou segunda lingua estranxeira nos centros educativos galegos poderá acreditar de xeito gratuíto o seu nivel lingüístico a partir do vindeiro curso, a través do Instituto Camões. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o embaixador de Portugal en España, João Mira, asinaron hoxe un acordo de colaboración para impulsar esta medida, entre outras dirixidas a difusión da lingua e a cultura lusas no ensino. No acto participaron tamén o secretario xeral da Lingua, Valentín García, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

 

A medida está pensada para que o alumnado que estude a lingua do país veciño poida acreditar ata tres niveis de competencia lingüística do Marco Común Europeo de Referencia para as linguas (A1, A2 e B1) ao remate das etapas de ESO e Bacharelato.

 

Cómpre salientar que se trata dun acordo pioneiro xa que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma en subscribir un acordo deste tipo co Instiuto Camões que, ademais, deriva da aplicación da Lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa ou vínculos coa lusofonía.

 

Román Rodríguez quixo agradecer ao embaixador luso a colaboración do Instituto Camões para mellorar a formación do alumnado galego, tanto a través desta nova liña de acción como do acordo que existe desde hai anos polo que a entidade portuguesa contribúe con varios auxiliares de conversa a centros educativos galegos.

 

Neste sentido, puxo en valor a proximidade das linguas e culturas galega e portuguesa e a importancia de fortalecer estes vínculos para abrir novas oportunidades de presente e de futuro, seguindo o espírito da mencionada Lei Paz Andrade.

 

Probas no propio centro

Para acadar a certificación os estudantes terán que superar as probas do Exame de Portugués Lingua Estranxeira Camões Júnior, pero non terán que desprazarse para facelo, senón que as farán desde o seu centro educativo a través dunha plataforma electrónica.

 

O exame ten unha duración de 120 minutos e consta de catro partes: comprensión oral, expresión oral, comprensión escrita e expresión escrita. Ten un carácter progresivo polo que, dependendo da puntuación acadada pola persoa que se examina, a puntuación equivale a un dos devanditos tres niveis. Seis semanas despois da realización do exame, emitirase a certificación Camões Júnior de xeito telemático a cada participante que acadase un nivel mínimo de A1.

 

Accións de divulgación

O acordo asinado hoxe inclúe, así mesmo, cooperación na divulgación de actividades dirixidas ao profesorado que imparte portugués como lingua estranxeira ou materia non lingüística en lingua portuguesa. Tamén en todo tipo de accións neste sentido dirixidas ao alumnado, como cursos, seminarios ou actividades culturais.

 

Así mesmo, a Consellería e o Instituto Camões comprométense a promover a difundir este novo medio de certificación da lingua portuguesa.