Román Rodríguez destaca a aposta da Xunta polo profesorado, coa convocatoria de máis de 18.500 prazas nas oposicións desde 2009

Salienta que Galicia é a Comunidade coa interinidade máis baixa de España

Un total de 21.230 aspirantes optan ás 1.743 prazas convocadas, das que máis do 86% son de novo ingreso

O proceso mobiliza ás 975 persoas que forman parte dos 195 tribunais distribuídos por sedes en 15 localidades galegas, máis de 2.700 se se contan os suplentes

Sáb, 22/06/2024 - 12:13
O conselleiro no pasilllo dunha aula, falando cos opositores sentados nos pupitres

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visitou hoxe as sedes das oposicións do ensino situadas no Centro Integrado de FP Compostela (Santiago) e no Instituto IES Ramón María Aller Ulloa (Lalín), onde destacou a aposta da Xunta pola estabilidade docente.

 

Coas 1.743 prazas convocadas para as oposicións deste ano preténdese seguir avanzando na estabilidade e renovación do profesorado, ao tempo que se facilita a carreira profesional docente, con prazas para o acceso desde outros corpos ao de profesores de ensino secundario ou ao de inspectores de educación.

 

“O proceso que comeza hoxe ratifica o compromiso do Goberno galego, ademais, coa renovación do cadro de persoal no ensino. Non en balde, desde 2009 a Xunta convocou máis de 18.500 prazas nas oposicións de educación”, salientou o conselleiro.

 

O titular do departamento educativo da Xunta lembrou que Galicia é desde hai tempo a Comunidade coa interinidade docente máis baixa de España. En concreto, a interinidade estrutural docente en Galicia está por debaixo do 5%, “moi por debaixo do 8% que esixe o Goberno central e da media estatal, que está por riba do 24%”, afirmou.

 

Román Rodríguez quixo desexar sorte a todos os opositores e agradecer aos membros dos tribunais e organizadores o seu traballo “para que todo o proceso se desenvolva con normalidade e coas máximas garantías”.

 

Máis do 86% de novo ingreso

Un total de 21.230 aspirantes optan a 1.743 prazas, das que un total de 1.512 (máis do 86%) son de novo ingreso. Delas, 520 son para o corpo de mestres, 875 para o de profesores de ensino secundario, 84 do novo corpo de profesores especialistas en sectores singulares da FP e 33 de escolas oficiais de idiomas.

 

As 231 prazas restantes son para que funcionarios docentes poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario (220) ou ao de inspectores de educación (11).

 

Case 200 tribunais

Os exames realízanse en 15 localidades de todo o territorio galego en concreto na Coruña, Ames, Culleredo, Ferrol, Santiago de Compostela, Ribeira, Lugo, Castro de Rei, Ourense, O Carballiño, Pontevedra, Lalín, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

 

O proceso supón unha gran loxística que, ademais dos opositores, mobiliza ás 975 persoas que forman parte dos 195 tribunais que xulgan o procedemento selectivo, un total de 2.730 persoas se se contan tamén os tribunais suplentes.

 

O maior número de tribunais estará nas probas das especialidades do corpo de profesores de ensino secundario, un total de 102; mentres que para mestres haberá 76 tribunais, para profesores especialistas en sectores singulares da formación profesional haberá sete, para profesores de escolas oficiais de idiomas cinco, para a acreditación do coñecemento de idioma (galego e castelán) catro tribunais e para inspectores de educación un tribunal.