A Xunta abre o prazo para que novos centros educativos se incorporen ao programa STEMbach que estrea novidades no vindeiro curso
Por primeira vez, o alumnado que o supere verá recoñecido o mérito con créditos universitarios
Os centros interesados teñen ata o 1 de xullo para solicitar a súa adhesión
A Xunta vén de abrir o prazo para que os centros que o desexan poidan incorporarse ou continuar o vindeiro curso 2024/2025 no Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach. Os interesados deberán solicitar a súa adhesión a este programa ata o día 1 de xullo. A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, coincidindo coa nova convocatoria, visitou este martes o instituto IES As Lagoas.
A iniciativa, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, enmárcase na Estratexia Educación Dixital, Edudixital 2030. O programa busca o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares asociados ao pensamento computacional e ás tecnoloxías inmersivas (como a realidade virtual e aumentada e a intelixencia artificial). Ademais, quere fomentar a vocación do alumnado cara á investigación científica e tecnolóxica, mediante unha metodoloxía que lle facilite a incorporación e adaptación á ensinanza universitaria. Con este fin, asinaranse convenios coas tres universidades públicas para reforzar a súa implicación no STEMbach.
O STEMbach ten unha duración de dous cursos académicos e pode incorporarse a el o alumnado de calquera das modalidade de Bacharelato. Os estudantes cursan, a maiores do currículo da modalidade na que estean matriculados, unha materia de afondamento relacionada co ámbito STEM extracurricular de dúas ou tres horas semanais. Ademais, deben realizar un proxecto de investigación e actividades complementarias de formación en colaboración coas universidades públicas de Galicia, entidades, organismos e persoas investigadoras de recoñecida competencia.
Ata seis créditos de libre configuración gratuítos
A convocatoria deste ano inclúe novas medidas como o recoñecemento de créditos ECTS universitarios para o alumnado que participe neste programa educativo. Grazas a iso, os estudantes que superen o STEMbach e se matriculen posteriormente nalgunha das universidades públicas verá recoñecidos con créditos de libre configuración este mérito. En total, poderán obter 1,5 créditos ECTS por curso académico universitario e, ata un máximo de 6 créditos ECTS. Este feito será aplicable tanto para os estudantes desta convocatoria, como para o alumnado que titulou por primeira vez o programa no curso 2019/2020.
Recursos e difusión de boas prácticas
O alumnado, para obter 1,5 créditos ECTS, debe participar no Programa Mentoring STEMbach de cada universidade. Esta novidade forma parte da estratexia do Goberno galego para reforzar o programa educativo, e inclúe accións como o recoñecemento aos mellores traballos de investigación realizados por estes estudantes en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), coa de Vigo (UVigo) e coa da Coruña (UDC).
A maiores, crearase a Rede STEMbach para impulsar o programa. Trátase dunha estrutura de apoio e reforzo aos axentes implicados na iniciativa con propostas que fomenten a colaboración. No que atinxe ao alumnado, terá preferencia para participar en determinadas accións específicas das universidades, ademais de obter os devanditos créditos de libre configuración de xeito gratuíto. Tamén se promocionará o seu traballo en feiras e publicacións científicas recoñecidas.
No caso dos docentes deste Bacharelato de excelencia, facilitaráselles o acceso ás instalacións e equipamentos do Centro de Innovación Educativa e Dixital para a investigación e creación de proxectos e poderán optar para iso a licenzas de formación. Tamén terán acceso a contidos específicos para o ensino das materias STEM e a un repositorio común de charlas relacionadas con estas disciplinas e difundirase o seu labor en publicacións científicas recoñecidas.
Ademais, organizaranse encontros que poñan en contacto ao profesorado e alumnado do programa para compartir experiencias, dificultades, vantaxes e procedementos de organización e desenvolvemento e farase un acompañamento do profesorado e alumnado desde a Consellería a través dun espazo virtual común con recursos STEM.
Compré lembrar que a Xunta de Galicia implantou o programa STEMbach por primeira vez no curso 2018/2019 e foise consolidando ata chegar a 45 centros e 741 alumnos matriculados no curso 2023/2024. Ao longo das distintas edicións máis de 1.000 estudantes xa titularon no programa. Ademais, teñen participado docentes tan prestixiosos como o xenetista e catedrático de Medicina Legal da USC, Ángel Carracedo.