Centros de FP de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte e Ourense proclámanse vencedores dos retos da primeira edición de Innovatech FP
Os participantes tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade
Resultaron gañadores os centros integrados de FP Valentín Paz Andrade, Imaxe e Son, Ferrolterra, Portovello e Politécnico de Lugo, así como os institutos Politécnico de Vigo, A Sardiñeira, Perdouro e A Pinguela
Deron resposta aos retos propostos por Viaqua, Pérez Rumbao, Diesemm, Finsa, Aceites Abril, L’Oreal, elPulpo, Roberto Verino, Fundación San Rosendo e Naturgy
“As propostas premiadas neste acto son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destaca o conselleiro
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, presidiu hoxe a entrega de premios da primeira edición do certame InnovaTech FP a centros de Vigo, A Coruña, Ferrol, Burela, Lugo, Monforte de Lemos e Ourense, un programa que sinalou como “revolucionario para o apoio da formación tecnolóxica e dixital dos futuros profesionais, ao tempo que redunda positivamente no tecido produtivo”.
O titular do departamento educativo galego explicou que o programa naceu este curso para poñer de manifesto a importancia de responder ás necesidades reais do tecido produtivo apoiándose na innovación tecnolóxica e no emprendemento, retando aos estudantes a resolver as propostas das empresas. “As propostas premiadas son pioneiras e un exemplo do gran potencial que atesoura a nosa FP para contribuír a dar un salto de calidade tecnolóxico e innovador ao tecido produtivo galego”, destacou.
Román Rodríguez puxo tamén en valor a importancia do Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros como polo tractor das iniciativas xurdidas ao abeiro do programa. De feito, poranse a disposición do alumnado as instalacións e medios materiais humanos do centro para facilitar o desenvolvemento destes proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.
Mellores proxectos
InnovaTech FP dirixiuse a centros públicos de FP con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento. Os participantes, organizados en equipos multidisciplinares e cunha distribución equitativa de xénero, tiveron que afrontar a solución de 10 retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas referentes da nosa comunidade, e cuxas solucións deberán ter un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural así como no fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
Os centros con iniciativas premiadas, dotadas cada unha con 10.000€ para o desenvolvemento do proxecto, son os que se reflicten na táboa. Entre os 10 centros premiados, seleccionouse a maiores ao CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo en resposta ao reto plantexado por Viaqua, como premio especial.
Empresa |
Reto |
Centro gañador |
Viaqua |
Deseño dun sistema de autolimpeza para reixas de fosas sépticas de zonas rurais |
CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) |
Pérez Rumbao |
Desenvolvemento de robots para o reparto de recambios en talleres de automoción |
IES Politécnico de Vigo (Vigo) |
Diesemm |
Solución dixital para a optimización de experiencias en eventos deportivos |
CIFP Imaxe e Son (A Coruña) |
Finsa |
Creación dun sistema de control de crecemento de especies forestais que permita a monitorización das condicións ambientais |
CIFP Ferrolterra (Ferrol) |
Aceites Abril |
Sistema de medición rápida de graxas en pastas de refinado |
IES A Sardiñeira (A Coruña) |
L'Oreal |
Solucións para a transformación de envases plásticos de produtos cosméticos en produtos duradeiros para salóns de peiteado |
IES Perdouro (Burela) |
elPulpo |
Creación dunha colección téxtil reciclada |
IES A Pinguela (Monforte) |
Roberto Verino |
Deseño dun sistema de análise para unha empresa téxtil que axude a optimizar propostas de colección e a medir a satisfacción do cliente |
CIFP Portovello (Ourense) |
Fundación San Rosendo |
Desenvolvemento dun sistema tecnolóxico para o coidado activo e preventivo de persoas maiores |
CIFP Politécnico de Lugo (Lugo) |
Naturgy |
Deseño de ferramentas para a detección de perdas de enerxía eléctrica para contribuír á súa redución |
CIFP Valentín Paz Andrade (Vigo) |
InnovaTech FP enmárcase na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia e desenvolverase entre o presente curso 2023-24 e o próximo 2024-25, ao longo dos cales mobilizaranse máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP, o que suporá un investimento de 1,5M€ neste período. Nesta primeira edición participaron 85 centros e arredor de 800 alumnos.