Román Rodríguez felicita ao instituto IES Illa de Ons de Bueu polo musical Os Miserábeis, no que participan máis de 70 persoas

Dom, 16/06/2024 - 20:53
m

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asistiu, no Pazo de Cultura de Pontevedra, á estrea do musical Os miserábeis realizado polo Instituto IES Illa de Ons.

O titular de Educación da Xunta felicitou ás máis de 70 persoas que integran o elenco, entre alumnos, profesorado, persoal non docente e algunhas familias. A excelente representación é froito do traballo en conxunto do equipo de montaxe, iluminación, realización, vestiario, maquillaxe e perruqueira, entre outros. O proxecto foi creado durante o horario lectivo, como parte dun proxecto educativo integral do centro.

No ano 2019, o instituto, pola realización dunha obra como esta, recibiu o primeiro Premio de Innovación Educativa en Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Este galardón, impulsado polo Goberno galego, contribúe ao incremento do uso da lingua, á eliminación de prexuízos lingüísticos entre a comunidade educativa e á posta en valor do galego como lingua de interese e con proxección de futuro para a mocidade.