A Xunta inviste 4,8 M€ nas novas instalacións do IGFAE para dar un salto cualitativo nun dos centros de excelencia da investigación galega

É o único centro galego acreditado como Unidade de Excelencia María de Maeztu, un recoñecemento estatal que lles facilita colaborar con institucións como o CERN

A Xunta está a investir máis de 22M€ en melloras nas infraestruturas da Universidade compostelá 

Xov, 13/06/2024 - 20:22
i

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, visitaron hoxe as obras que se están a realizar para habilitar a nova sede do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), un centro de titularidade compartida entre ambas institucións. A actuación conta cun investimento de 4,8M€ por parte da Xunta de Galicia ao abeiro do convenio entre a Consellería e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. Na visita participaron tamén o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o director do instituto, Carlos Alberto Salgado.

O titular do departamento de Ciencia do Goberno galego destacou que o obxectivo desta actuación é aumentar a superficie deste centro, especialmente en laboratorios experimentais, espazos comúns de traballo e áreas destinadas ás actividades de divulgación. “Isto vai supoñer un salto cualitativo nas instalacións deste instituto, que forma parte da Rede de centros de Investigación universitaria de Galicia”, sinalou o conselleiro.

As obras para habilitar a nova sede do IGFAE inclúen tanto o acondicionamento dos espazos xa existentes como a execución dun novo volume en planta baixa. O obxectivo é dotar ao centro de flexibilidade para adaptar os diferentes espazos os requirimentos das actividades de investigación, ao tempo que se actualizan e melloran os espazos existentes e se crean outros novos dedicados a laboratorios, entre outros. Segundo o programa de necesidades a superficie total de actuación é de 4.880,15 m², dos que 348,5 m² se corresponden co volume de ampliación.

Amplo apoio á USC

A Xunta está a investir máis de 22M€en melloras nas infraestruturas da universidade compostelá. A actuación no IGFAE enmárcase no convenio entre a Consellería e as tres universidades galegas para mellorar as súas infraestruturas de investigación. A isto súmase o plan de mellora de infraestruturas, no que o Goberno galego inviste 40M€, dos que arredor de 16M€ serán para a USC. A través deste plan prevese mobilizar arredor de 100M€ en obras nas tres universidades públicas galegas.

As actuacións ao abeiro deste plan na Universidade de Santiago de Compostela pasan pola creación da nova Cidade da Saúde na capital galega, coa construción dun conxunto de edificios que acollan a Facultade de Enfermaría, a Facultade de Farmacia, un centro de investigación na área de Ciencias da Saúde e un aparcadoiro, así como a reforma da Facultade de Medicina e Odontoloxía. No Campus de Santiago tamén está prevista a primeira fase da reforma integral da Facultade de Química.

Centro de relevancia internacional

Román Rodríguez destacou o potencial deste centro mixto da Xunta e a Universidade de Santiago, “o único centro de investigación galego que conta coa acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu, que ademais vén de revalidar”, explicou. Tamén incidiu na “marca de calidade que esta distinción estatal imprime á actividade que se realiza nel, e que lle abre as portas a seguir participando en proxectos internacionais de tanta relevancia como os desenvolvidos en colaboración coa Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra”.

A acreditación facilita, así mesmo, a formación de persoal investigador e a captación de talento a nivel internacional. Non en balde, case o 30% dos 103 investigadores do IGFAE é persoal captado do estranxeiro. O centro mantén, ademais, unha elevada porcentaxe de éxito en convocatorias de alto prestixio, como as do European Research Council (ERC), Marie Sklodowska-Curie e Ramón y Cajal, que agardan reforzar coa renovación da acreditación.