O 85,5% do alumnado afirma non ter recibido nunca ou case nunca ameazas ou intimidación a través da rede

Tras avanzar onte os primeiros resultados no Consello da Xunta, o conselleiro de Educación dá conta no Consello Galego para a Convivencia Escolar da IV Enquisa de convivencia escolar e hábitos sociais

O cuestionario inclúe por primeira vez preguntas para coñecer hábitos sociais relacionados co uso das novas tecnoloxías ou roles de xénero

Máis da metade do alumnado de 5º e 6º de Primaria e máis do 90% do de ESO e ensinanzas postobrigatorias ten móbil propio

“É necesario poñer en valor o bo traballo feito pola comunidade educativa para que os centros sexan lugares seguros, inclusivos e libres de acoso”, di o conselleiro

Mar, 11/06/2024 - 12:56
c

O 85,5% do alumnado participante na IV Enquisa de convivencia escolar e hábitos sociais realizada pola Xunta afirma non ter recibido nunca ou case nunca ameazas, intimidacións, insultos ou algo parecido a través da rede, ben sexa a través do móbil, ordenador ou outros dispositivos. Así o explicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez que, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, deu conta hoxe dos resultados desta diagnose no Consello Galego para a Convivencia Escolar, despois de que no Consello da Xunta se avanzasen onte os primeiros datos.

“Estamos a falar do PISA da convivencia escolar, a maior enquisa nesta materia en Galicia,           coa participación de máis de 172.000 persoas, o procesamento de 43 millóns de datos e unha fiabilidade do 99%”, explicou o conselleiro, salientando que os resultados da enquisa veñen a constatar que a implicación do profesorado e as medidas postas en marcha pola Xunta a través da Estratexia galega de Convivencia Escolar están a funcionar e a repercutir nunha mellora no climas nas aulas. “Case o 90% dos enquisados consideran que os conflitos son pouco frecuentes e non representan un problema xeneralizado”, sinalou Román Rodríguez.

O titular do departamento educativo do Goberno galego recordou, ademais, que os resultados “indican que hai un aumento en xeral da percepción de que a convivencia mellorou nos últimos anos”. En todo caso subliñou que mentres exista “un só conflito, seguiremos traballando para que se solucione”. “Pero é necesario poñer en valor o bo traballo feito pola comunidade educativa para que os centros escolares sexan lugares seguros, inclusivos, libres de acoso e de estereotipos de xénero e nos que se practica a tolerancia cero fronte ás situacións de acoso de calquera tipo”, incidiu.

O cuestionario, realizado en 2023, incluíu por primeira vez preguntas para coñecer hábitos sociais relacionados co uso das novas tecnoloxías ou roles de xénero, entre outros aspectos, dado que as Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación (TRIC) están a gañar peso na sociedade como escenarios a onde se trasladan os conflitos.

Deste xeito, o 95,6% dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 82% dos de ESO e os 79,7% dos de ensinanzas postobrigatorias afirman que nunca ou case nunca recibiu condutas intimidatorias por estes medios. Pola súa parte, o 98,7% das familias afirma que os seus fillos nunca ou case nunca se sentiron ameazados, intimidados, insultados ou acosados a través de internet. Así mesmo, o 73,8% do profesorado manifesta que os conflitos relacionados co uso incorrecto dos dispositivos electrónicos ou da rede son feitos puntuais.

Hábitos na internet

Segundo se desprende das preguntas da enquisa dirixidas ás familias sobre o uso da tecnoloxía por parte dos seus fillos, o 83,3 % delas afirma que limita sempre ou case sempre o uso de dos dispositivos electrónicos e a conexión á rede dos seus descendentes, fronte ao 16,7% que afirma que non o fai nunca ou case nunca. O 68,9% das familias afirma que nunca ou case nunca permite a conexión a internet durante as horas de estudo e o 32,2 % das familias manifesta permitir a conexión a internet durante todo o día.

Con respecto ás respostas do alumnado, o 81% do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 90,9 % de postobrigatorias afirma que se conecta a internet varias veces á semana ou case todos os días. Menos do 2% manifesta que nunca se conecta. En canto ao número de horas que permanece na rede, manifestan pasar entre 1 e máis de 5 horas conectado á rede de luns a venres o 64,1 % dos estudantes de 5º e 6º de Educación Primaria, o 78% dos de ESO e o 77,6% dos de ensinanzas postobrigatorias. 

No que atinxe á posesión dun teléfono móbil propio, os datos achegados polo alumnado permiten concluír que o 78,2% do de ensinanzas obrigatorias (un 53,50% de alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e un 90,6% de ESO) ten un teléfono propio, así como o 92,5% do de postobrigatorias.

En canto ao uso de redes sociais, o 72,6% do alumnado de ensinanzas obrigatorias e un 83% do de postobrigatorias afirma usalas. Entre as redes sociais máis empregadas polo alumnado, TikTok é a máis utilizada entre o alumnado de ESO (51,6%) seguida de Instagram (44,8%). No caso das ensinanzas postobrigatorias as máis populares son YouTube (30,5%), Pinterest (29,1%) e Twitter (26,6%). No caso das ferramentas de mensaxería, a máis popular entre o alumnado é WhatsApp, seguida de Zoom e Meet.

A enquisa inclúe tamén preguntas sobre outros hábitos relacionados coas Tecnoloxías da Relación, Información e Comunicación, como o uso de videoxogos como actividade de entretemento no seu tempo de ocio. En base ás respostas analizadas, son unha opción de entretemento para o 80,8% do alumnado de 5º e 6 de Primaria, o 67,9% de ESO e o 56,8% de ensinanzas postobrigatorias. Na maioría dos casos xogan acompañados de amigos ou familiares.

O 91,3% do alumnado de ESO e o 87% do de ensinanzas postobrigatorias afirma que non participa en apostas en liña. Por outra banda, o 73,9% do alumnado de ensinanzas obrigatorias e o 59,3% afirma non ter entrado nunca ou case nunca en páxinas de contido pornográfico.

Sen estereotipos de xénero

Finalmente, súmase á enquisa unha batería de cuestións sobre roles de xénero e linguaxe inclusiva. Preguntado o alumnado sobre a súa opinión relacionada con quen debería realizar tarefas estereotipadas, un promedio do 85% do alumnado considera que homes e mulleres deben realizar por igual tarefas moi diversas, como pasarlle o ferro á roupa ou deseñar aplicacións informáticas. Pola súa banda, un 93 % das familias sostén que as devanditas tarefas tamén deben ser realizadas por igual.

Ante a posibilidade de asociar certas ocupacións ou traballos específicos baseándose en estereotipos de xénero, os datos máis significativos sinalan que aínda que o 53,7% do alumnado enquisado considera que a profesión de electricista a desempeñan por igual homes e mulleres, o 44,35% a asocia cos homes fronte a un 1,4 % que a asocia coas mulleres. Outras profesións tamén asociadas a un perfil masculino son a de taxista ou militar, mentres que se vinculan más coas mulleres as de modelo ou recepcionista.

No ámbito das familias, os estudantes perciben tamén igualdade de xeito maioritario. Así, o 64,3 % dos de ensinanzas obrigatorias e o 70,2% dos de postobrigatorias afirma que se ocupan dos seus estudos os homes e mulleres da familia por igual. En relación coas tarefas nas que adoita colaborar o alumnado na súa casa, a máis destacada é a de poñer ou recoller a mesa cun 87,7% seguida de facer as camas cun 81,40%.