Cultura e Educación aposta por impulsar o uso do galego na creación literaria a través dos medios de comunicación

O secretario xeral de Política Lingüística e o secretario xeral de Cultura asistiron á entrega de premios do II Certame Minicontos de Outono, concedidos polo xornal De Luns a Venres e o Centro PEN de Galicia

Ven, 16/03/2012 - 21:08
Creación literaria a través dos medios de comunicación
Cultura e Educación aposta por impulsar o uso do galego na creación literaria a través dos medios de comunicación

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria aposta por aproveitar a potencialidade e a capacidade creativa dos escritores en lingua galega, especialmente de mozos e mozas en galego para ampliar os ámbitos da nosa lingua propia. Así o asegurou o responsable de Política Lingüística, Valentín García Gómez durante a entrega do II Certame ‘Minicontos de Outono’, que pretende fomentar a lingua e a literatura galegas a través dos medios de comunicación. Con este mesmo obxectivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co certame, que promoven o Centro PEN de Galicia e o xornal LV. De Luns a Venres.

No acto, que foi conducido polo xornalista Carlos Macía, estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o secretario xeral  de Política Lingüística; así como o presidente do PEN Galicia Luis G. Tosar, o xornalista Juan Méndez, membro do xurado, e representando ao grupo El Progreso, o xornalista e escritor Diego de Cora.      

Este concurso de relatos breves pretende impulsar a presenza da literatura galega nos medios de comunicación, ao tempo que busca achegarlles aos lectores as obras de autoras e autores noveis e consagrados que escriben en galego. Trátase, polo tanto, dunha iniciativa que nace para ampliar os horizontes da lingua e da cultura galegas a través do xornal gratuíto en galego, LV. De Luns a Venres.

Premiados

Nesta segunda edición do certame resultou gañador do primeiro premio Luzada, un relato do mestre alfocense Lionel Rexes, cunha historia sobre o furtivismo na que a emigración e o humor teñen un papel moi importante.

Fulgores feridos, foi merecedor do 2º premio, un texto erótico protagonizado por dúas mulleres que se deixan levar pola paixón no seu lugar de traballo. Asina o relato a coruñesa Concha Parga, que tamén se dedica á docencia.

O 3º premio correspondeu ao poeta e xornalista lugués José Sixto grazas ao seu miniconto A estrela que veu, onde aborda o drama do paro desde o punto de vista da inxenuidade infantil.

Participación da emigración

No certame participaron un total de 274 relatos chegados de todo o territorio galego e mesmo de outras Comunidades Autónomas. Así mesmo cómpre salientar o importante número de minicontos chegados da Arxentina, froito da participación dun grupo de fillos e netos da emigración galega en Buenos Aires como unha actividade das súas clases. Entre os relatos recibidos tamén se contan os de galegos residentes no Reino Unido, Alemaña, Italia, ou Uruguay, entre outros.

No concurso houbo, así mesmo, unha nutrida participación escolar, froito da decisión de algúns colexios de fomentar a iniciativa de escribir un relato de forma conxunta entre as alumnas e alumnos, moitos dos cales foron acompañados por traballadas ilustracións.

Os traballos concursantes debían ser inéditos e estar escritos en galego, non podendo exceder os 1.200 caracteres. Cada autor ou autora tivo a opción de concursar cun máximo de tres minicontos. O xurado, que se reuniu o pasado 25 de xaneiro en Santiago, estivo composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís G. Tosar; o director de LV, Alfonso Riveiro; o xornalista e escritor Diego de Cora; o director do Centro PEN, Xabier Castro, e o xornalista Juan Méndez.