O Conselleiro de Cultura e Educación entrega os premios do concurso literario “Rita Suárez Amado”, no IES Eusebio da Guarda

Antes da entrega do premio Vázquez Abad visitou a mostra que o centro ten organizada con motivo da súa incorporación, hai un ano, na rede MUPEGA que integra aos Institutos Históricos

O titular da Consellería de Cultura e Educación destacou o valor do galardón, que chega á VII edición, creado en homenaxe a unha alumna do centro falecida en 2005

Ven, 16/03/2012 - 21:03
Xesús Vázquez durante a entrega de premios
Xesús Vázquez durante a entrega de premios

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, entregou hoxe pola tarde os premios da VII edición do concurso literario “Rita Suárez Amado”, celebrado no IES Eusebio da Guarda, na Coruña.

Durante a súa intervención o conselleiro destacou o valor deste premio e o entorno no que se desenvolve e sinalou que “é un privilexio e podo contemplar e participar, nun só espazo, de toda a tradición que se respira entre as paredes dun instituto histórico como este, cunha riqueza arquitectónica á que a Xunta, a través da consellería que dirixo, traballa para devolver o seu esplendor. E un privilexio, tamén, porque me é dado asistir, de primeira man, ao nacemento dos grandes autores do mañá, ao xerme do que agromarán as letras do futuro. Este premio, que leva non só o nome, senón ademais o espírito dunha rapaza exemplar, consolídase como un referente obrigado para todos os estudantes que aman a letra escrita, sexa en prosa ou en poesía”.

Os premiados

Nesta edición resultaron galardoados os relatos Naúfrago, de Diego Cordeiro do CPR As Escravas. Tamén resultaron gañadores noutros niveis de relato A máquina de escribir, de Eduardo Lampón e Abdou, de Miguel García Valdeón, ambos estudantes do IES Eusebio da Guarda. Asemade foi recoñecido co primeiro premio a obra de Rocío Leira Castro con Calafrío do futuro.

Na categoría de poesía acadaron o primeiro posto Mirando al frente, Ollos do exilio de Miguel López Gomez e Jorge Núñez Rodríguez, ambos alumnos do instituto situado na praza de Pontevedra.

O premio

As máis de 113 obras participantes fixérono en varios niveis, correspondendo o primeiro a 1º e 2º da ESO; o segundo a 3º e 4º da ESO; o terceiro a 1º e 2º de bacharelato e o cuarto a adultos que xa non están a cursar materias en centros educativos. Respecto deste particular Vázquez Abad destacou que “o concurso literario é xa un referente. O feito de ter realizado o esforzo de escribir, de sacar do maxín toda a creatividade que levades dentro, de plasmar as vosas ideas, inquedanzas e soños en negro sobre branco é un mérito que merece todo o noso recoñecemento. Para a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estes galardóns son a proba da grande capacidade do noso alumnado, do seu compromiso cos valores que desde toda a comunidade educativa se lles tenta transmitir: esforzo, traballo, entrega, dedicación”.

O premio foi creado polo instituto en honor á Rita Suárez Amado, alumna falecida en 2005 vítima dun cancro que lle foi diagnosticado durante a súa etapa como estudante do centro. Durante o acto de entrega dos premios estiveron presentes a familia da alumna homenaxeada, os seus pais José e Carmen e a súa irmá, Alba; así como a directora do centro, Isabel Ruso; e o xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana.

Instituto histórico

Antes da entrega dos premios o conselleiro acompañado polo equipo directivo do centro coruñés comprobou o resultados das accións desenvolvidas desde IES Eusebio da Guarda durante o seu primeiro ano dentro da rede do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) que integra  de Institutos Históricos, recoñecemento que recibiu o ano pasado xusto o mesmo día no que se entregaron os premios Rita Suárez Amado, na súa VI edición.

Así durante a breve visita realizada antes da entrega de premios Vázquez Abad visitou o pequeno museo instalado na planta baixa do centro educativo, e desenvolvida desde que o centro foi integrado na rede do MUPEGA e na que ten unha gran importancia a colaboración da Consellería a través do Museo de Belas Artes da Coruña. Dita entidade doou unhas vitrinas do século XIX. En dito espazo están expostos unha selección de obxectos variados: minerais, libros de interese histórico-cultural, certas pezas curiosas de bioloxía, como unha planta de madeira desmontable, diapositivas antigas feitas en cristal, etc.

Tras a visita o conselleiro sinalou a súa satisfacción xa que “o centro reflicte a través desta actividade a súa implicación como membro da rede MUPEGA de Institutos Históricos e nos últimos doce meses xa comezaron a desenvolver o traballo que isto implica e unha vez máis quero agradecer a toda a comunidade educativa a súa implicación neste eido”.