O conselleiro de Cultura e Educación destaca o labor da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra na recuperación “dun oficio de tan fonda tradición en Galicia”
Vázquez Abad e o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa visitaron hoxe este centro, no que o alumnado se forma para o traballo da pedra
Declaracións do conselleiro Xesús Vázquez
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad destacou hoxe o labor da Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra “a prol da recuperación dun oficio de tan fonda tradición en Galicia” como é o do traballo da pedra, desenvolvido por “un colectivo de ancestral prestixio social, profesional e económico”. Vázquez Abad sinalou ademais a importancia deste sector na promoción económica da nosa Comunidade, e en particular da provincia de Pontevedra, “terra na que incluso se foi fraguando unha linguaxe propia dos canteiros, a 'Verba dos arxinas' -coñecido como 'o latín dos canteiros' -, mostra da súa marcada presenza nesta sociedade”.
Nunha visita ao centro na que estivo acompañado polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira; e polo presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; o conselleiro quixo felicitar ao equipo directivo e docente da escola polo seu traballo na formación de canteiros e mestres canteiros “quen de converter a pedra, unha das principais riquezas de Galicia, en admiradas e fermosas obras de enxeñería, arte e arquitectura”. “Froito da completa formación que reciben nesta escola – engadiu- os alumnos teñen difundido a súa obra por toda España e Europa, e mesmo por América e Asia”. Neste sentido Vázquez Abad salientou algunhas das súas obras máis representativas, como o cruceiro de granito salvaxe que se erixe na cidade máis austral do mundo, Ushuaia (Arxentina); e felicitou ademais ao centro polo premio da Galeguidade 2012 que concede a Enxebre Orde da Vieira, que recibiu este mesmo mes.
Formación práctica
O conselleiro de Educación tivo a oportunidade de coñecer de primeira man o método de traballo dos 40 alumnos que cursan estudos na escola para obter, ben o título de Canteiro - 3 cursos-, ben o de Mestre Canteiro - 5 cursos-. Así mesmo, valorou o esforzo da ducia de alumnos maiores de 35 anos que acuden ao centro en horario noctuno, “demostrando o seu interese por completar a súa formación ao longo da vida”.
Tras comprobar a entidade das pezas sobre as que os estudantes poñen en práctica os coñecementos adquiridos, a gran maioría pezas dun considerable tamaño, sen escala, Vázquez Abad incidiu no exemplo que significa este método didáctico “sobre pezas reais, que capacita ao alumnado para desenvolver o seu traballo en situacións tamén reais, favorecendo a súa inserción laboral. Unha método que está a estimular e fomentar a Consellería a través da inclusión da formación práctica obrigatoria en todos os ciclos de Formación Profesional”. Cómpre destacar que os estudantes da Escola de Canteiros conta cunha taxa de inserción laboral de preto do 100%, ademais de ser orixe de moitas iniciativas de emprendemento autónomo.
Doutra banda o conselleiro felicitou ao alumnado polas súas obras, “que aúnan tradición e modernidade, técnica e creatividade, grazas aos coñecementos que recibien nesta escola, que van desde a formación en Historia da Arte, ata o debuxo técnico, pasando pola escultura, entre outras disciplinas”.
Deste xeito Vázquez Abad animounos a continuar con este traballo, “que recolle a nosa tradición ancestral e ademais está a difundila por recunchos de todo o mundo”.