A Xunta reúnese en Bruxelas con distintas institucións comunitarias para aproveitar as oportunidades que ofrece Europa no eido da I+D+i

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, mantén un encontro de traballo con responsables da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea e do Consello Europeo de Investigación (ERC nas súas siglas en inglés)

No transcurso da xornada vese tamén coa dirección da Fundación Galicia Europa, coa que colabora en materia de políticas e programas europeos no ámbito da I+D+i

Mér, 05/06/2024 - 12:32
Carmen Cotelo posando con outras dúas persoas

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, mantivo hoxe en Bruxelas varias reunións de traballo con representantes de distintas institucións europeas para coñecer as oportunidades que ofrecen as novas iniciativas e fondos europeos ao ecosistema galego de I+D+i e posicionar a Galicia como un referente en distintos ámbitos como a biotecnoloxía, deep tech ou os programas de captación e retención de talento como Oportunius.

 

A primeira hora da mañá, a representante da Xunta de Galicia mantivo un encontro con Jorge Molina Villanueva e con Giuseppina Luvara, da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea. Neste marco, Carmen Cotelo interesouse pola nova iniciativa da Comisión para impulsar a biotecnoloxía e a biofabricación, polo seu potencial para impulsar sectores como o farmacéutico, o sanitario, o alimentario ou o industrial e a súa contribución a unha Unión Europea máis competitiva e resiliente. Así mesmo, a directora de GAIN expuxo as prioridades de Galicia neste ámbito incluídas na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 21-25, que ten como obxectivo avanzar no posicionamento de Galicia como Comunidade referente en biotecnoloxía.

 

A continuación, reuniuse con José Labastida, xefe da unidade de Apoio ao Consello Científico do Consello Europeo de Investigación (ERC). Na xuntanza, abordaron posibles medidas para dinamizar a participación do persoal investigador excelente nesta e noutras convocatorias europeas e para atraer candidatos, finalistas e gañadores das axudas do ERC, ademais das que xa se están a poñer en marcha a través do programa Oportunius, que desde a súa posta en marcha apoiou a 31 investigadores principais.

 

Por último, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP mantivo tamén un encontro con Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, coa que colabora en políticas e programas europeos de I+D+i.