A Xunta amplía a oferta de FP en todas as familias profesionais e en todas as áreas territoriais, con 1.799 grupos de clase que funcionarán o vindeiro curso
Román Rodríguez presenta unha oferta “ampla, variada e de calidade” con 46.714 prazas de novo ingreso froito do diálogo co sistema socioeconómico
As prazas medran en 24 das 25 familias profesionais que se poden cursar en Galicia, con incrementos que superan o 20% en catro delas e o 10% noutras 11
As familias de Informática e comunicacións, Hostalaría e turismo e Comercio e márketing suman máis 400 prazas de crecemento con respecto ao actual curso
O titular de Educación asegura que “todo aquel que o desexe, pode atopar un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades de cada persoa”
A Xunta amplía a Formación Profesional para o vindeiro curso en Galicia na práctica totalidade das familias profesionais así como en todas as áreas territoriais, o que blinda una oferta “ampla, variada e de calidade” cun total de 46.714 prazas de novo ingreso que foron deseñadas “en base ao diálogo entre a comunidade educativa os sectores socioeconómicos”.
Así o salientou esta mañá o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, durante a presentación da oferta formativa para o curso 2024-25 por comarcas e especialidades, nun acto celebrado no Centro Integrado de FP, CIFP Compostela, en Santiago, no que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
O titular de Educación subliñou que con esta “cifra récord”, que medra nun 11% con respecto ao actual curso e que supón a conformación de 1.799 grupos de clase, búscase “que todo aquel que o desexe, atope un oco na FP, cunha formación case á carta que se adapta ás necesidades e aos intereses de cada persoa”.
Así pois, quen desexe estudar un ciclo de FP o próximo curso, poderá escoller entre 214 titulacións diferentes -17 delas de nova implantación- repartidas en 153 ciclos de grao medio, básico e superior, 22 másteres, 24 títulos de alta especialización e 15 programas formativos orientados a persoas con necesidades educativas especiais.
Segundo Román Rodríguez, esta oferta reforzada contribuirá a “blindar a igualdade de oportunidades como sinal de identidade” do sistema educativo galego do cal forma parte a Formación Profesional.
Familias profesionais e territorios
No que atinxe ás familias profesionais, as prazas increméntanse en 24 das 25 que existen en Galicia, das cales catro delas medran por riba do 20% e outras 11 delas fano por riba do 10%. Como exemplo deste crecemento cómpre destacar a familia de Industrias extractivas (+46,67%), Edificación e Obra civil (+29,27%), Instalación e mantemento (+22,50%) e Seguridade e medio ambiente (+20,75%).
Se atendemos ás cifras absolutas, hai dez familias profesionais que incrementan o seu número en máis de 200 prazas con respecto a este ano. Entre elas destacan as familias Informática e comunicacións (que suman 534 prazas máis sobre as xa existentes), Hostalaría e turismo (483 máis) e Comercio e márketing (442 máis).
Impulso do rural
Se atendemos aos datos territorializados, a oferta medra en todas as áreas de Galicia, consolidándose a tendencia á alza nas zonas metropolitanas maiormente poboadas, con Vigo á cabeza, que aglutina o 22% da oferta total da comunidade autónoma, e a área da Coruña que aumenta as prazas nun 12,74% ata acadar as case 9.500.
Non obstante, faise fincapé no reforzo da oferta nas áreas rurais onde, en palabras de Román Rodríguez, “a FP actúa como vector de desenvolvemento, axuda a fixar poboación, a crear postos de traballo, a crear riqueza e a facer país”. Non en balde, o vindeiro curso ofértanse un total de 7.631 prazas no rural, o que representa un 11,5% máis (789 prazas máis) ca no actual curso e máis que nunca.
Entre eles cómpre destacar títulos como Produción agroecolóxica (Arzúa e Ribadeo), Soldadura e caldereiría (Cee, A Pontenova e As Pontes), Química e saúde ambiental (Burela) ou Deseño e amoblamento (A Estrada e Melide), entre un amplo abano de oferta.
Alta especialización
Outro dos eidos destacados en canto a impulso para o vindeiro curso son as titulacións de alta especialización que son exclusivas de Galicia e que, segundo explicou o conselleiro, “atenden ao reto de avanzar nun sistema de FP de alta cualificación atendendo a unha demanda específica por parte do sistema produtivo co deseño de titulacións ad hoc.
O vindeiro curso poderanse estudar un total de 24 titulacións de alta especialización configuradas como dobres titulacións ou combinacións de ciclos, másteres e cursos de distintos títulos, 13 delas de nova implantación. Hai un total de 623 prazas (un 52% máis que no actual curso) que se reparten en 27 grupos de aula por toda Galicia.