Román Rodríguez destaca o papel de Galicia como referente na Biotecnoloxía ao abeiro da estratexia de consolidación do sector impulsada pola Xunta

“Fomos unha comunidade pioneira que se adiantou ás tendencias globais neste eido para avanzar na atracción de talento, investimento e actividade empresarial”, di

O conselleiro participa na presentación da segunda edición do Galicia Biodays, que se celebra o 12 e 13 de xuño en Vigo co apoio do Goberno galego

Mar, 04/06/2024 - 20:19
Román posando cun grupo de persoas

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe o papel de Galicia como referente na biotecnoloxía. Fíxoo na presentación da segunda edición do Galicia Biodays, o foro da industria da Biotecnoloxía e Ciencias da Vida no Espazo Atlántico Europeo, que se celebrará os días 12 e 13 de xuño en Vigo co apoio da Xunta. O encontro está organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga).

 

O conselleiro puxo en valor a aposta do Goberno galego por un sector “que marca a diferencia tanto en rendemento produtivo como en transformación innovadora”. Neste sentido, lembrou a posta en marcha da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía 2016-2020. “Fomos unha comunidade pioneira que soubo adiantarse ás tendencias globais no eido da biotecnoloxía e avanzar así na atracción de talento, de investimento e de actividade empresarial”, afirmou.

 

“Ese compromiso mantense intacto hoxe grazas a Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025, que conta cun orzamento de 622M€ do que o investimento público son 430M€”, explicou Román Rodríguez, quen sinalou que xa se teñen captado máis de 200M€ de financiamento público estatal e europeo a través desta folla de ruta.

 

Un sector que medra

Román Rodríguez quixo tamén felicitar a Bioga pola súa contribución á mellora do posicionamento e cohesión do tecido biotecnolóxico galego. “Un sector que sigue medrando en Galicia e que, segundo a enquisa do Instituto Nacional de Estatística, empregou en 2022 a máis de 1200 investigadores e supuxo un gasto en I+D de máis de 127M€”, dixo.

 

Así mesmo, subliñou o impulso do clúster á dinamización do emprendemento e da colaboración entre centros de coñecemento e axentes produtivos, “en concordancia cunha das liñas de acción estratéxicas da Xunta arredor da ciencia, que é precisamente a transferencia do coñecemento ao tecido produtivo”, incidiu.

 

Polo de Innovación

A Estratexia de Consolidación do sector Biotecnolóxico de Galicia 2021-2025 ten como obxectivo avanzar no posicionamento de Galicia como rexión referente en biotecnoloxía, fomentar a xeración de negocio, e garantir a consolidación empresarial en torno a un Polo de Innovación Biotecnoloxía, que será a panca para o bioemprendemento e a atracción de empresas intensivas en I+D+i.

 

Isto supón estimular o uso da biotecnoloxía en todos os sectores produtivos, fomentando un ecosistema colaborativo baseado na transferencia de coñecemento. Entre os obxectivos específicos está o incremento do capital humano (un 20% no número de investigadores e un 25% no emprego do persoal cualificado) e o 50% do número de empresas biotecnolóxicas en Galicia, entre outros.

 

Desde a súa posta en marcha en 2021 acadáronse numerosos fitos, como a posta en marcha do biopolo do Centro de Fabricación Avanzada Sionlla Biotech, do Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas de Galicia, do centro de investigación empresarial Mestrelab ou a ampliación e actualización da Plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, todos eles co apoio da Xunta de Galicia.