A Xunta salienta o éxito dos programas Eduinspira e Eduindustria para promover o emprendemento entre o alumnado

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participa na clausura destas iniciativas, impulsadas pola Cámara de Comercio da Coruña e a Xunta

A través deles, os estudantes coñecen as experiencias de persoas que sacaron adiante o seu negocio e os pasos para facelo realidade a partir dunha idea

Ven, 31/05/2024 - 13:42
e

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, participaron hoxe na clausura dos programas de emprendemento EduInspira e EduIndustria, impulsados por esta entidade e a Xunta de Galicia.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o éxito destas iniciativas, nas que a día de hoxe teñen participado máis de 1.000 alumnos e por riba de 30 centros educativos. “Ademais, a Cámara de Comercio de España recoñeceu nos seus 3º Premios Nacionais á da Coruña na categoría de Emprendemento grazas, precisamente, ao traballo de Eduinspira”, destacou.

A directora xeral salientou a aposta da Xunta por manter unha estreita relación entre sistema produtivo e educativo e puxo de relevancia a necesidade de dar a coñecer ao alumnado a figura de persoas emprendedoras, “que son sinónimo de xeración de riqueza, desenvolvemento económico e calidade de vida para Galicia”.

Neste sentido, reivindicou o papel das pequenas e medianas empresas e a súa importancia á hora de contribuír á formación de alumnos de FP, “favorecendo que o ensino se axuste á realidade económica e social e dando máis oportunidades aos estudantes”.

Aprender a emprender

Ao longo da clausura varios empresarios presentaron a súa experiencia persoal ao alumnado do Centro Integrado de FP Someso, onde se celebrou o acto. En concreto, foron relatores a CEO do Grupo Gestán, empresa galega experta en xestión integral de residuos e solucións medioambientais, Luz Pardo Longueira; Broder Fernández-Obanza Windscheid e Antonio Gómez Salvador, cofundadores A Factoría Ecolóxica-The Bio Factory, así como a presidenta e fundadora do Grupo Atlante, Maite Valiño Borrego.

Nado no curso 2021/22, EduInspira consiste na organización de charlas motivadoras nos centros educativos. Para iso, a Cámara de Comercio da Coruña convida a persoas emprendedoras de distintos sectores, para que tanto profesorado como alumnado coñeza de primeira man a súa realidade.

Pola súa banda, EduIndustria sirve para que o alumnado aprenda a emprender e pense nesta saída profesional como unha opción de futuro. A través do xogo Desafío Industria, os estudantes descobren os pasos que hai que seguir para converter unha idea nun negocio. O programa naceu neste curso 2023/24.