A Xunta recoñece a excelencia de 106 universitarios cos Premios fin de carreira

O 62% dos estudantes recoñecidos son mulleres e, do total de premiados, 52 pertencen á Universidade de Santiago, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña

Os galardoados, que remataron os seus estudos no ano 2023, pertencen a 64 titulacións distintas e cada un deles recibirá 3.500€ e un diploma acreditativo

Ven, 31/05/2024 - 13:38
u

Un total de 106 universitarios que remataron os seus estudos no ano 2023 veñen de ser galardoados cos Premios fin de carreira pola súa excelencia académica. Así o recoñece a Xunta de Galicia, que publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución con estas distincións. 

O 62% do alumnado recoñecido son mulleres e, do total de galardoados, 52 pertencen á Universidade de Santiago de Compostela, 35 á de Vigo e 19 á da Coruña. 

Os mellores expedientes distribúense entre 64 titulacións nos diferentes campus. Deste xeito, por número de recoñecementos destacan, con seis persoas premiadas, os graos de Administración e Dirección de Empresas, Educación Infantil e Mestre de Educación Infantil e Educación Primaria e Mestre de Educación Primaria; con cinco persoas o grao de Dereito, e con 4 persoas premiadas os graos de Medicina e Enxeñaría Informática.

Cada un dos premiados, recibirá unha achega económica por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP de 3.500 euros e un diploma acreditativo.  

Para optar ao premio, as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.