A nova dirección de Gain establece contacto con diferentes axentes do ecosistema galego de I+D+i

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, recibiu esta mañá a representantes da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS) dependente da consellería de Sanidade e do Clúster TIC

Mér, 29/05/2024 - 19:33
g

A nova directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, continúa a rolda de contactos con distintos representantes do ecosistema galego de I+D+i para coñecer as súas necesidades e establecer posibles canles de colaboración futuras.

En concreto, esta mañá recibiu ao xerente da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, Antonio Fernández-Campa, para establecer un primeiro contacto co ente encargado da formación, investigación e innovación do sistema sanitario galego. O encontro serviu para identificar sinerxias e establecer posibles liñas de colaboración futuras. Ademais, o xerente de ACIS convidou á directora de Gain a coñecer os institutos de investigación sanitaria galegos.

Así mesmo, Cotelo reuniuse con representantes do Clúster TIC de Galicia: o seu presidente, Antonio Rodríguez del Corral; o vicepresidente para pemes, Santiago Paz, e Josefina Fernández, en representación da vicepresidencia para grandes empresas. No transcurso da xuntanza, os representantes do sector TIC expuxeron a súa actividade e   plans futuros e avaliáronse posibles accións conxuntas.

O venres tocaralle o turno á Real Academia Galega de Ciencias, unha institución que está baixo o protectorado da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.