A Xunta presenta cREAgal como unha nova oportunidade para empregar materiais dixitais como un valor engadido en prol dun ensino de calidade
Román Rodríguez participa na presentación desta nova iniciativa para impulsar o ensino híbrido con materiais adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos
Agradece a implicación dos máis de 100 docentes que desenvolveron os primeiros contidos, que se irán incrementando ata cubrir 5º e 6º de Primaria e toda a ESO
Galicia é a única comunidade na que estes recursos en aberto cobren integramente os currículos das materias impartidas e facilitan, ademais, a atención á diversidade
Os materiais poranse a disposición dos centros educativos para o seu uso voluntario e responden á mellora dos contidos dixitais solicitada pola comunidade escolar
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na presentación do proxecto cREAgal, a nova iniciativa da Xunta para impulsar o ensino híbrido nas aulas a través de materiais dixitais adaptados aos currículos galegos, flexibles e inclusivos, que poderá a empregarse voluntariamente nas aulas dixitais de todos os centros galegos de Primaria e ESO a partir do vindeiro curso 2024/25.
O acto de presentación contou cunha breve contextualización do proxecto por parte da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e incluíu a presentación técnica de cREAgal a cargo dos asesores encargados da mesma. Así mesmo, os docentes coordinadores do grupo de traballo que elaborou os contidos relativos á materia de Tecnoloxía e Dixitalización de 1º de ESO amosaron como exemplo varios dos recursos que van estar dispoñibles ao abeiro desta iniciativa.
O titular do departamento educativo da Xunta fixo fincapé en que unha educación de calidade “non pode permanecer allea aos avances tecnolóxicos propios da nosa sociedade”. Neste sentido, explicou que o labor do ensino “é educar no uso das ferramentas tecnolóxicas para que se convertan en recursos ao servizo dunha educación de calidade, que facilite o desenvolvemento das competencias dixitais”, tal e como establecen a Unión Europea e as leis estatais.
“A Xunta leva anos traballando, no marco da Estratexia de Educación Dixital 2030, para que a dixitalización do ensino vaia moito máis aló da dotación tecnolóxica e supoña unha mellora da formación de alumnos e docentes, a través de iniciativas como os Polos Creativos, o E-Dixgal ou o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, STEMbach”, dixo. “O proxecto cREAgal é unha nova oportunidade para empregar material dixital de alta calidade como valor engadido no entorno educativo”, destacou.
Formación do profesorado
O conselleiro quixo agradecer o esforzo e o compromiso dos máis de 100 docentes participantes que deseñaron o proxecto e que axudarán na súa implementación. Lembrou, ademais, que o proxecto sumarase ao novo Plan de Formación en Ensino Dixital para o profesorado, parello ao procedemento que se está a desenvolver para certificar as competencias dixitais de docentes e alumnos, tarefa na que Galicia é a comunidade que máis está avanzando.
cREAgal é o proxecto a través do que a Xunta vai poñer a disposición de todas as aulas virtuais dos centros galegos recursos educativos gratuítos en aberto deseñados, baixo unha coordinación común, por máis dun centenar de docentes. Deste xeito, a iniciativa galega é a única na que estes recursos están directamente vencellados aos currículos e cobren todas as áreas e materias.
Todas as áreas e materias
Os materiais, que se poderán empregar a partir do vindeiro curso 2024/25, proporciónanse cunha licenza aberta, que permite a súa reutilización, modificación e adaptación ao contexto de cada aula, alumno e centro, o que os fai completamente universais e personalizables. Ademais, o proxecto incide na inclusión, de modo que todos os recursos son accesibles e pensados para adaptalos á atención á diversidade.
Os recursos que forman cREAgal non compoñen en si un temario, senón que se trata de situacións de aprendizaxe nas que se propón un reto que o alumno debe alcanzar a través do desenvolvemento dunhas actividades concretas. Cada un dos recursos vai acompañado dunha guía didáctica na que se detallan os elementos do currículo que se abordan, así como os criterios de avaliación das competencias que se traballan.
O proxecto supón un chanzo máis na calidade e a equidade do sistema, tanto pola súa aposta pola personalización e inclusión como polo impulso á aprendizaxe colaborativa do alumnado, con actividades grupais. Así mesmo, promove a autonomía persoal do alumnado e reforza a competencia de aprender a aprender, cun diario no que o alumno reflexiona acerca das dificultades atopadas, desenvolve a súa autonomía e saca conclusións útiles para seguir.
A Xunta comezou a traballar neste proxecto no curso 2022-23 co deseño das bases piloto dos recursos educativos en aberto. Ao longo do vindeiro curso 2024/25 estarán dispoñibles materiais para 5º e 6ª de Primaria, de 1º de ESO e de parte das materias de 2º curso desta mesma etapa. Os contidos iranse implementando paulatinamente ata 4º curso de ESO (xa que os dous últimos cursos de Primaria e a etapa de Secundaria é cando o alumnado galego comeza a empregar recursos didácticos dixitais con carácter xeral). Os materiais poranse a disposición dos centros educativos para o seu uso voluntario e responden á mellora dos contidos dixitais solicitada pola comunidade escolar.