Román Rodríguez destaca o compromiso da Xunta coa Rede de Investigación Universitaria de Excelencia, cuxo financiamento se incrementa nun 31%

O conselleiro de Educación e Ciencia reúnese cos 13 centros, aos que o Goberno galego inxecta case 23,6M€ para blindar o seu funcionamento ata 2027

“Estamos a preparar un novo Plan de I+D+i para sumar esforzos e acadar cotas máximas de transferencia de coñecemento á sociedade”, explica

Mér, 22/05/2024 - 13:59
i

O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse hoxe con representantes das entidades que compoñen a Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia. No encontro, celebrado na Cidade da Cultura, o titular do departamento educativo do Goberno galego reafirmou o compromiso da Xunta coa investigación realizada nas tres universidades públicas galegas. “Non en balde, vimos de incrementar nun 31% o financiamento desta rede, cunha nova inxección de case 23,6M€ que permitirá que estes centros gocen de estabilidade económica para desenvolver a súa actividade ata 2027”, lembrou.

“A ciencia é unha prioridade para o Goberno galego. Vimos de reforzar organicamente a súa estrutura e estamos a preparar un novo Plan de I+D+i para sumar esforzos, establecer sinerxías e avanzar nun ecosistema de investigación e innovación, dentro e fóra da Universidade, que nos permita acadar cotas máximas de transferencia de coñecemento á sociedade”, explicou o conselleiro. 

Benvida a cinco novos centros

No transcurso da reunión, na que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, deuse a benvida aos cinco novos centros que a Xunta acaba de incorporar á rede, dous na máxima categoría e tres na nova categoría de colaboradores, que aspiran a entrar nos vindeiros anos e que tamén recibirán financiamento autonómico.

Os novos centros co máximo recoñecemento son o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela. Pola súa banda, a segunda categoría, de centros colaborativos e creada este ano, estréase co Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) e o Economics and Business Administration for Society (ECOBAS), ambos da Universidade de Vigo.

Os restantes oito Centros de Investigación Universitaria de Galicia veñen de renovar tamén a súa acreditación de excelencia. Trátase dos seguintes: pola Universidade de Santiago de Compostela, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicacións (AtlantTTic), o Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) e o Centro de Investigacións Mariñas (CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

Os 13 centros contarán cun orzamento de case 23,6M€ para que os máis de 1.530 investigadores que traballan neles poidan desenvolver a súa actividade científica dun xeito estable ata 2027. A Rede de Centros de Investigación Universitaria transforma a potencia individual dos centros máis avanzados do sistema nunha gran forza colectiva mediante a posta en marcha de accións estratéxicas e coordinadas que contribúen a consolidar a súa excelencia, a incrementar o seu impacto social no benestar, na saúde ou na economía, e a situar a Galicia como referente científico no panorama nacional e internacional.