A Xunta recoñece os 64 centros participantes no programa Erasmus+ polas súas accións de mobilidade internacional e cooperación

O conselleiro de Educación salienta a excelencia destes centros, aos que se lles garante financiamento pública ata 2027

Mar, 21/05/2024 - 19:28
e

A Xunta de Galicia vén de recoñecer os 64 centros educativos -56 colexios e institutos e oito centros de adultos- que contan con acreditación Erasmus+ nos sectores de Educación Escolar e Educación de Persoas Adultas polas súas accións de mobilidade internacional.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, concedeulles esta mañá o recoñecemento por parte do Goberno autonómico pola súa contribución á excelencia do sistema educativo galego a través do proxecto de mobilidade internacional dos países membros da Unión Europea.

Trátase -dixo o conselleiro- dun “carné de socio” que deben ter os centros para asegurar o financiamento de actividades ata 2027. Cómpre lembrar que estes centros recibiron máis de 2,2 M€ para este programa entre 2021 e 2023.

En palabras de Román Rodríguez, ademais dunha experiencia persoal e académica, “a experiencia Erasmus é un investimento en desenvolvemento profesional que moitas empresas destacan á hora de seleccionar persoal”. Nesta liña, o conselleiro comprometeuse a “seguir tecendo redes fortes no ámbito europeo e internacional” a través deste modelo.

Retos de futuro

O Erasmus+ arrancou en 2014 como un programa para xerar oportunidades de mobilidade e cooperación en materia de educación a través de distintas actividades como a aprendizaxe por observación, estadías e cursos de formación.

Nos vindeiros anos o programa ten o reto de avanzar na inclusión, a accesibilidade e a sustentabilidade con obxectivos centrados no apoio á transición dixital na educación coa creación do Espazo Europeo de Educación.