A Xunta eleva a máis de 14M€ o investimento no Campus Industrial de Ferrol tras unha nova inxección de 6,6M€ para accións estratéxicas ata 2028

O Consello da Xunta autoriza o convenio de financiamento coa Universidade da Coruña logo de que o campus ferrolán renovara a súa acreditación de excelencia

Ao abeiro deste acordo, o campus deberá afondar en actuacións concretas no eido da investigación, a internacionalización e a transferencia do coñecemento

Trátase de que afiance unha identidade propia ligada ás potencialidades económicas da contorna como son os sectores naval, oceánico e industrial

Lun, 20/05/2024 - 20:50
f

A Xunta de Galicia inxecta un total de 6.644.000 euros no Campus Industrial de Ferrol ata 2028, o que posibilitará afianzar e incrementar accións estratéxicas de investigación, internacionalización, transferencia de coñecemento, docencia, oferta formativa e gobernanza, entre outras.

O Consello da Xunta autorizou hoxe un convenio de colaboración entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Universidade da Coruña (UdC) para o desenvolvemento de iniciativas que permitan seguir dotando o Campus Industrial dunha identidade propia, ligada ás potencialidades económicas da súa contorna e darlle maior visibilidade no contexto nacional e internacional.

Este novo investimento público de máis de 6,6M€ para os vindeiros catro anos súmase aos 7,7M€ que xa leva destinados a Xunta neste campus desde que arrancou como proxecto no ano 2015, polo que o montante global de orzamento do Goberno autonómico supera xa os 14M€.

A nova inxección orzamentaria formalízase logo de que Campus Industrial de Ferrol veña de acadar a renovación do selo de excelencia como campus de especialización acreditado do Sistema Universitario de Galicia para os próximos anos, un recoñecemento de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo fortalecer as estruturas de campus non centrais aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados.

Así pois, para seguir desenvolvendo accións vinculadas aos obxectivos fixados nesta renovación, o campus deberá enfocarse en continuar na senda da especialización que lle permita acadar unha mellora substantiva nos diferentes ámbitos de actuación que resultan esenciais para nutrir as empresas da contorna, liderar liñas de enxeñaría aditiva e fabricación 4.0 a nivel nacional e aumentar a súa dimensión internacional.

Captación de talento e produción científica

Nesta nova etapa e grazas ao apoio da Xunta de Galicia, ao abeiro deste convenio, o Campus Industrial deberá poñer en marcha liñas de actuación concretas no eido da investigación enfocadas á captación e retención de talento, á produción científico-técnica, accións de apoio á axenda científica, mellora do equipamento especializado en industria intelixente e un programa de doutoramento industrial.

No eido da transferencia, as novas accións céntranse nunha unidade de relación industrial e na xestión e comercialización de patentes; mentres que no apartado de internacionalización figura a creación dunha unidade de relación internacional ou un programa de mobilidade internacional do Persoal Docente Investigador.

Así mesmo, no eido da docencia e oferta formativa, implementarase un plan de formación continua en industria intelixente, un estudo da demanda de necesidades formativas e da empregabilidade e programa de seminarios especializados, entre outros. Finalmente, o acordo tamén contempla accións no eido da gobernanza (vinculadas á mellora da xestión) e de comunicación e difusión da produción do campus.

O primeiro con este selo de calidade

O Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de España e de Galicia en obter este selo de calidade e tamén é o primeiro en acadar a súa renovación.

Isto garante un financiamento estable por parte da Xunta de Galicia para este campus que arrancou como proxecto en 2015 e que en marzo de 2021 obtivo a acreditación de especialización cun enfoque estratéxico ligado ao sector naval, oceánico e industrial, dos que derivan as demais áreas de especialización do campus.

Isto permitiulle, entre outros efectos, potenciar as súas estruturas de investigación e estreitar as relacións coas empresas da contorna, o que repercutirá no desenvolvemento da cidade.