A Xunta abre este martes o prazo para solicitar as axudas para libros de texto e material escolar

Do 21 de maio ao 21 de xuño, as familias poderán realizar as súas peticións para o vindeiro curso nas axudas de libros, fondo solidario e bono de material

As medidas, que consolidan as melloras introducidas nos últimos anos, chegan ao 70% do alumnado en función da súa renda, axudando máis a quen máis o precisa

Dom, 19/05/2024 - 13:36
f

A Xunta abrirá este martes, 21 de maio, o prazo para solicitar as axudas para a compra de libros de texto e material escolar, así como para participar no Fondo solidario para o vindeiro curso 2024/25. Estas medidas de apoio ás familias galegas consolidan as melloras introducidas nos últimos anos ante a suba de prezos. A convocatoria será publicada mañá luns no Diario Oficial de Galicia.

Estas tres ferramentas permiten que todas as familias que cumpren cos requisitos teñan cuberto de balde os libros que precisan para os seus fillos, case na súa totalidade, apoiando máis a quen máis o necesita. No actual curso 2023/24 máis de 96.500 alumnos tiveron os libros de balde e máis de 128.000 accederon aos vales de material escolar. Isto, sumado aos estudantes que acceden gratis ao libro dixital, fai que máis do 70% do alumnado galego conte co apoio da Xunta para afrontar o inicio do curso.

O prazo está aberto ata o 21 de xuño e os trámites presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario accesible dende a sede electrónica da Xunta de Galicia. Opcionalmente, as solicitudes poderán presentarse presencialmente nos centros docentes ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora.

Ata 75€ para material

O vale para a adquisición de material escolar vai dirixido a todas as familias con renda per cápita igual ou inferior aos 10.000€, con dous tramos de renda. No primeiro deles, rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€, mantense o vale de 75€, reforzado no curso 2022/23 (antes eran 50€) para facer fronte á subida de prezos. No segundo, de nova creación curso 2023/24, e que comprende as rendas superiores a 6.000€ e iguais ou inferiores a 10.000€, o vale será de 60€ por alumno.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% obterá o de 75€ con independencia da renda.

Axudas para libros non reutilizables

A convocatoria contempla axudas para a compra de libros nos cursos nos que estes non son reutilizables, é dicir, para os  alumnos dos dous primeiros cursos de Primaria, os de Educación Especial e para aqueles con necesidades específicas de apoio educativo que lles dificultan empregar os libros do Fondo solidario.

O funcionamento das axudas para a compra de libros mantense invariable, cos mesmos tramos de renda, consolidando o incremento xeneralizado nas contías no curso 2023/24, de entre 20€ e 30€ en función da renda familiar, así como a achega de 300€, con independencia da renda, para o alumnado matriculado en Educación Especial.

Deste xeito, para o alumnado de 1 e 2º de Primaria, a axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) é de 240€ e a do segundo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€) de 160€. O alumnado matriculado en Educación Especial (en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios) ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% continuará recibindo 300€, con independencia da renda per cápita.

No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, que non poida usar os libros do Fondo, hai axudas para todos os cursos de Primaria e ESO. Na etapa de Primaria, as familias do primeiro tramo de renda reciben 240€ por fillo e as do segundo 160€. Na etapa de ESO, os importes sitúanse en 270€ no primeiro e 180€ no segundo. Para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o importe da axuda será a maior que lle corresponda con independencia da renda per cápita da unidade familiar.

Máis de 400.000 libros no Fondo

O Fondo solidario conta este curso con máis de 400.000 libros, que se repartirán en réxime de préstamo entre o alumnado desde 3º de Primaria a 4º de ESO, a excepción dos devanditos casos de alumnos de Educación Especial e alumnado con necesidades específicas. A asignación de libros de texto realízase por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar, tendo preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da renda.

Os estudantes de familias con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estean en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros teñen acceso a catro. Tanto para acceder ao Fondo solidario como para recibir as axudas é requisito devolver os libros do curso anterior.