A directora xeral de Formación Profesional pon como exemplo de boas prácticas na educación especial o Campionato de Baristas

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Eugenia Pérez asiste á segunda edición deste certame no que participaron seis centros galegos

O Centro de Educación Especial CEE Manuel López Navalón de Santiago obtivo o primeiro premio; o CEE Terras de Ferrol, o segundo, e o CEE de Panxón, o terceiro

Mér, 15/05/2024 - 13:34
A Directora Xeral de FP posando con 3 mozos gañadores

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, participou hoxe na entrega de premios do II Campionato de Baristas de Colexios de Educación Especial que se celebrou, por segundo ano consecutivo, no Pazo de Goiáns. “É un gusto ver a implicación do alumnado e o gran labor do profesorado con este certame, que serve para poñer en práctica o aprendido nas aulas”, sinalou Eugenia Pérez.

 

O primeiro premio recaeu no Centro de Educación Especial CEE Manuel López Navalón de Santiago, mentres que o segundo foi para o centro Terras de Ferrol e o terceiro para o CEE de Panxón. No campionato participaron un total de seis centros de Educación Especial de Galicia. A maiores dos gañadores, estiveron presentes o María Mariño da Coruña, Infanta Elena de Monforte de Lemos e Saladino Cortizo de Vigo, estando representados cada un por unha parella de alumnos.

 

Máis alá do propio concurso, que consistiu na elaboración de varios tipos de cafés, esta iniciativa tamén contou cun obradoiro de galletas e outro de cocteleira sen alcol para o alumnado dos centros asistentes. “Este tipo de prácticas son moi ben acollidas polos centros e alumnado, pois son unha maneira de amosar a evolución do seu aprendizaxe nos programas de Formación Profesional”, concluíu a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP.