Román Rodríguez avanza que a Xunta comeza a deseñar un novo plan de I+D+i que supoña un salto cualitativo e cuantitativo para Galicia
O conselleiro de Educación reúnese con representantes dos centros tecnolóxicos, aos que transmite o obxectivo de acadar unha Galicia máis competitiva
Destaca a importancia de fomentar a colaboración público-privada coas universidades e os seus centros de investigación
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, avanzou hoxe que a Xunta vai comezar a deseñar un novo Plan de I+D+i que vai supoñer un salto cualitativo e cuantitativo, “co obxectivo de posibilitar a sinerxía entre o coñecemento, a innovación e a ciencia e así dar resposta aos requerimentos dos sectores produtivos para acadar unha Galicia máis competitiva”.
Fíxoo na súa primeira reunión de traballo con representantes destas entidades privadas que desenvolven o seu labor co apoio público a través Axencia Galega de Innovación (GAIN), logo do cambio de competencias, centralizadas agora en Educación. O obxectivo do encontro “é sentar as bases dunha colaboración fluída e máxima e así mellorar o moito e bo que ten feito Galicia en materia de investigación e innovación durante os últimos anos”, explicou.
Román Rodríguez recalcou o compromiso do Goberno galego con potenciar a ciencia e a transferencia de coñecemento dos centros tecnolóxicos aos sectores produtivos e á sociedade. Agradeceu, ademais a aposta pola innovación destas entidades “que aportan un gran valor e coñecemento a sectores básicos para a economía, como poden ser o naval ou a alimentación, entre outros”, destacou.
Interlocución para aunar estratexias
Neste sentido, o conselleiro manifestou o seu compromiso con ter en conta todo o coñecemento destes centros para deseñar políticas públicas de apoio que respondan ás súas necesidades, “sumando estratexias en prol da competitividade das industrias e dos sectores produtivos e, como consecuencia, para xerar desenvolvemento no conxunto de Galicia“.
Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade de seguir mellorando o posicionamento destes centros, o seu rendemento e a captación de fondos estatais e europeos, da man das empresas e fomentando a colaboración público-privada coas universidades e os seus centros de investigación.
A Consellería realizará unha rolda de visitas a estes centros para coñecer o seu labor e potencialidades, de cara a un maior aproveitamento das mesmas dentro do ecosistema de I+D+i galego.
Ademais de Román Rodríguez, participaron na reunión o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. Por parte dos centros tecnolóxicos asistiron a directora de Operacións e Organización de Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas, Pescados e Mariscos (ANFACO-CECOPESCA), Miriam Costas; o director xerente da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN), Jesús Lago; o director do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG), Luis Moreno; o director xeral da Fundación Centro Tecnolóxico de Telecomunicación de Galicia (GRADIANT), Luis Pérez; o director da Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Carlos Calvo Orosa; o director xeral do Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sustentabilidade Enerxética (ENERGYLAB), Fernando Val; o director xeral do Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIM), Toni Pons; o presidente do Clúster de Acuicultura de Galicia (CETGA), Santiago Cabaleiro, e a directora do Centro Galego de Investigacións da Auga (CETAQUA), Teresa Alvariño.