O Ciclo de Cultura científica da Xunta afonda na accesibilidade da tecnoloxía da man de Juan Montiel

Enxeñeiro senior de software de Microsoft, dedícase de xeito profesional a desenvolver aplicacións que fagan máis fácil a vida das persoas invidentes

Achegará numerosos recursos accesibles prácticos, sinxelos e ao alcance de calquera persoa para desenvolver as tarefas máis habituais

Lun, 13/05/2024 - 16:08
j

O do Ciclo de Cultura Científica da Xunta de Galicia volve este xoves 16 de maio á Cidade da Cultura, da man de Juanjo Montiel Pérez, enxeñeiro senior de software de Microsoft que achegará unha ollada desde a discapacidade e a plena integración da tecnoloxía na conferencia Tecnoloxía: inclusión ou exclusión... dúas letras e unha vida de diferenzas.

O relator, invidente desde o seu nacemento, dedícase desde 2007 de xeito profesional a crear aplicacións accesibles tanto web como de escritorio. Moitas delas teñen o obxectivo de facilitar a vida das persoas con discapacidade visual, tanto permitíndolles conxuntar a roupa, como descargar libros de xeito accesible ou participar en xogos de rol, entre outros. O seu talento valeulle en 2017 o premio Most Valuable Professional de Microsoft, outorgado pola multinacional ás persoas máis destacadas nas comunidades técnicas que comparten os seus coñecementos e lideran cambios.

Na conferencia do xoves, Juanjo Montiel afondará en como a tecnoloxía pode ser un aliado ou, mesmo, un obstáculo, cando non se utiliza con sentidiño. Desde unha óptica do deseño universal das ferramentas tecnolóxicas achegará numerosos recursos accesibles prácticos, sinxelos e ao alcance de calquera persoa para desenvolver as tarefas máis habituais, como comprar un billete de transporte ou a unha aplicación de móbil, nas que moitas veces as persoas invidentes atopan problemas.

O relatorio poderá seguirse de forma presencia no auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia, de 18,00 a 19,30 h., e tamén será retransmitida en streaming na canle de YouTube da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Calendario do ciclo

Baixo o título Tecnoloxía con sentidiño, o Ciclo de Cultura Científica da Xunta chega ao seu ecuador, tras as conferencias de Héctor Ruíz Martin, Espido Freire e José César Perales. O 28 de maio, Javier Saéz de los Terreros, responsable da comunicación dixital do Museo del Prado en Madrid, descubrirá aos asistentes como achegar a tecnoloxía cara un público que non visita os museos co relatorio Estratexias de comunicación dixital. As redes sociais do Museo do Prado.

O 4 de xuño será a quenda de Francisco Bellas Bouza, investigador e especialista en Intelixencia artificial do CITIC da Universidade da Coruña e do Centro de Innovación Educativa e Dixital, quen abordará o impacto das novas tecnoloxías na sociedade con Educación na era da Intelixencia Artificial: vaiamos a modo.

A última conferencia desenvolverase o 11 de xuño, da man de Luis Sánchez Santos, profesional sanitario do Sergas. Achegará unha visión desde a pediatría e as Ciencias da saúde co relatorio Cruzando saúde infanto-xuvenil e tecnoloxía.

O ciclo está dirixido ao público en xeral, comunidade educativa e aos docentes. O profesorado asistente ao ciclo completo recibirá un certificado de 12 horas de formación do profesorado. Coas charlas configurarase un libro, cun artigo específico para cada unha delas.