Román Rodríguez pon en valor a función dos equipos directivos dos centros escolares, que a Xunta vén de reforzar no Acordo de Mellora do Ensino

Lembra que xa están en vigor os complementos por función directiva, por titorías e por formación permanente e se está avanzando nos grupos de traballo para a redución da burocracia nos centros

Xov, 09/05/2024 - 11:43
d

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, gaba o papel “esencial” que exercen os equipos directivos dos centros escolares na boa marcha do sistema, unha función que a Xunta de Galicia vén de reforzar no vixente Acordo para a Mellora do Sistema Educativo de Galicia acadado coas organizacións sindicais.

O titular de Educación do Goberno galego participou hoxe na apertura das XXXI Xornadas de equipos directivos de Educación de Infantil e Primaria organizadas pola Asociación de Directores de Colexios Públicos da Coruña para debater e intercambiar experiencias en ámbitos como o dereito de familia, a xestión dos centros, o absentismo ou a protección de datos, entre outros.

Ferramentas para a mellor xestión

Na súa intervención, Román Rodríguez puxo en valor a función directiva como unha das claves para “acadar un modelo educativo onde prime a igualdade de oportunidades e a calidade”, e aludiu tamén á “responsabilidade” da Administración para poñer á disposición dos directores todas as ferramentas neste eido, como as que se recollen no Acordo de Mellora Estrutural do Sistema Educativo en Galicia xa en marcha.

Exemplo disto é que, desde xaneiro, o profesorado galego xa está percibindo as melloras de complementos específicos por funcións directivas, por titorías e por formación permanente do profesorado. Así mesmo, tal e como sinalou o conselleiro, tamén se está avanzando nos grupos de traballo para a simplificación administrativa e a redución da burocracia nos centros, que era unha das reivindicacións máis demandadas.

Outro dos aspectos nos que fixo fincapé o conselleiro foi o da “continua actualización e mellora competencial” das persoas que exercen as funcións directivas e do conxunto profesorado para a mellora do proceso de ensino-aprendizaxe e afrontar retos como a atención á diversidade ou a xestión tecnolóxica.

Neste senso, a Consellería pon á disposición dos centros o Plan Anual de Formación do Profesorado, que este curso se concreta en 5.800 accións formativas enfocadas a liñas prioritarias como a dixitalización, a innovación e a convivencia.

Román Rodríguez pechou a súa intervención agradecendo a “motivación” do profesorado por formarse e apelando a seguir traballando “de xeito colaborativo e coordinado” a prol “dun modelo inclusivo, innovador, flexible, cooperativo e axustado ás necesidades dos alumnos”.