O conselleiro de Cultura e Educación fixo entrega das bolsas de axudas para estudantes da Fundación Ventura Figueroa

Entre os 26 gañadores, familiares do fundador, repartíronse máis de 41.000 euros en becas de distintas contías

Lun, 12/03/2012 - 17:59
Imaxe do acto
Imaxe do acto

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, fixo hoxe entrega das bolsas a estudantes da Fundación Ventura Figueroa. En total 26 universitarios beneficiáronse das axudas, cun valor total de 41.600 euros.

Ao longo da súa intervención Vázquez Abad destacou a importancia da Ventura Figueroa, e fixo referencia a súa persoa dicindo que “foi un home ao que non animou ningún desexo de transcendencia, nin a máis mínima vaidade o día que pensou en brindarlle á súa familia, aos seus descendentes, a oportunidade de formarse, de adquirir coñecementos, cultura, educación”, e dirixíndose aos estudantes dixo que “debemos felicitarnos todos pola continuidade, porque esta sexa a Fundación máis antiga de España e unha das máis veteranas do mundo, con 228 anos de existencia”.

 O conselleiro recordou aos premiados “o figueroismo segue a indicarnos, nestes tempos de crise e recesión económica, que o camiño é –segue a ser, será sempre- a confianza nas ideas, na formación, na educación e na aposta pola propia cultura. Poñemos en vós, que recolledes o legado do fundador, as nosas esperanzas de futuro. Ante vós ábrense as posibilidades que o estudo proporciona. Non vos vou dicir que con iso se vos asegura un traballo, pero o que é indubidable e que amplía os vosos horizontes e é moi importante tanto para vós como para a sociedade na que vivides”.

As axudas

Deste xeito para a presente convocatoria concedéronse vinte unha axudas para estudantes que inicien ou continúen con estudos de grao. Ademais tamén se tramitaron tres bolsas para continuar os estudos universitarios de terceiro ciclo ou os estudos oficiais de máster, e dúas para aqueles alumnos de estudos conducentes ao título de doutor.

No momento de conceder as bolsas tivéronse en conta a situación económica dos solicitantes, a súa traxectoria académica e o grao de parentesco co fundador. Así, e atendendo á actual situación de crise, deuse unha maior preferencia no acceso ás axudas aos solicitantes que presenten máis dificultades económicas.

A fundación

Con esta resolución consolidase o labor da Fundación Ventura Figueroa, centrado na actividade benéfica. A entidade, a máis antiga de Europa, foi fundada polos herdeiros de don Manuel Ventura Figueroa, figura destacada na historia de España durante o século XVII, época na que foi patriarca das Indias, arcebispo de Laodicea e gobernador do Consello e Cámara de Castilla.

Durante o acto, no que foron concedidas as axudas, estiveron presentes o secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Jesús Oitavén; e representantes do Padroado Ventura Figueroa.