Román Rodríguez presenta o proxecto de reforma do colexio Froebel cun investimento de máis de 1 M€
O conselleiro de Educación destaca que se trata dun compromiso cumprido ca cidade do Lérez, ademais dunha actuación moi agardada pola comunidade educativa
Intentarase realizar o groso das obras no centro, no que atinxe ás aulas, no verán para interferir o mínimo posible na actividade lectiva
O Goberno galego leva investidos máis de 25M€ na modernización e mellora das infraestruturas educativas da cidade de Pontevedra nos últimos anos
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de reforma do Colexio CEIP Froebel, que supón un investimento de 1,1M€ por parte da Xunta na mellora das infraestruturas educativas da cidade do Lérez.
O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que esta actuación está próxima á súa adxudicación, de cara a poder comezar as obras no verán. “Estamos a falar dunha intervención moi agardada pola comunidade educativa, que vai redundar no benestar dos docentes e alumnos do centro”, destacou o conselleiro.
“Trátase, ademais, dun compromiso cumprido. A finais de 2023 anunciamos catro novas obras de centros escolares nesta cidade, unha delas esta e outra a ampliación da Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, que tamén está próxima á súa adxudicación”, explico ou conselleiro.
No referido ás outras dúas actuacións, tamén está moi avanzado o expediente de instalación dun ascensor e renovación e adaptación de aseos no Instituto IES A Xunqueira II, cun investimento de 190.000€, e xa está en redacción o proxecto para as melloras de accesibilidade no Instituto IES Frei Martín Sarmiento. “Polo tanto, estamos a dar un exemplo de axilidade administrativa, cumprindo os nosos compromisos en tempo e forma”, salientou.
Alto volume de intervencións
Estas intervencións súmanse á rehabilitación integral do Instituto IES Valle-Inclán, que avanza a bo ritmo e conta cun investimento de 4,7M€, e a outras dúas rematadas recentemente en Pontevedra como son a ampliación do Centro Integrado de FP Carlos Oroza (case 2,3M€) e a reforma do Instituto IES Luís Seoane (922.000€). Ademais, están a piques de rematar as melloras de accesibilidade no Colexio CEIP A Xunqueira I (173.000€).
Cómpre destacar que o Goberno galego leva investidos máis de 25M€ na modernización e mellora das infraestruturas educativas da cidade de Pontevedra nos últimos anos.
Melloras en cubertas e aulario
No caso do Colexio CEIP Froebel, o conselleiro transmitiu, ademais, unha mensaxe de tranquilidade, explicando que a prioridade é facer as obras na zona das aulas durante os meses de verán, de tal forma que non faría falta reordenar ao alumnado en módulos móbiles. “O noso obxectivo é que esta actuación interfira o mínimo posible na normalidade da actividade lectiva”, declarou
A obra do Colexio CEIP Froebel conta cun investimento de 1,1M€ e un prazo de execución de obras de seis meses. O proxecto inclúe a renovación das cubertas que aínda non foron mudadas, cunha superficie total de case 1.500m², unha actuación que se completará co reforzo estrutural das cerchas e a renovación dos correspondentes canlóns e baixantes. Incorporarase, ademais, illamento térmico nas novas cubertas, de xeito que se reduzan as perdas de calor e colocarase un pararraios.
Así mesmo, colocarase trasdosado de xeso interiores en fachadas exteriores para incrementar o illamento térmico e melloraranse os acabados interiores, co cambio de falsos teitos, alicatados, luminarias e portas, tanto en zonas comúns como en aulas. No que atinxe aos aseos, acometerase a remodelación dos situados na torre central.
A maiores, renovaranse as instalacións de electricidade, fontanería, calefacción e protección contra incendios en toda a área de actuación desta terceira fase, ademais de repoñerse as fiestras do patio interior.
Adecuación á oferta docente
No que atinxe á Escola de Educación Infantil Concepción Crespo Rivas, a actuación está orzamentada en case 750.000€. O prazo de execución das obras é de cinco meses. A superficie ampliada será de 245m², distribuídos en sala de usos múltiples, aula desdobre, sala de profesores, cuartos de instalacións. A finalidade é adecuar espazos educativos á oferta docente.
Estas actuacións enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta para renovar os 1.600 edificios que forman os máis de 1.000 centros educativos galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, ao tempo que se mellora a súa eficiencia enerxética e o confort da comunidade escolar.