Román Rodríguez gaba o esforzo do profesorado que este curso participa en máis de 5.800 accións para formarse
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP inaugura os primeiros obradoiros de Mellora da Competencia Comunicativa na aula
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, gabou esta mañá a aposta e o “esforzo” do profesorado galego pola súa permanente actualización formativa e de competencias docentes, o que “redunda nun modelo de ensino de calidade”.
Así o salientou con motivo da inauguración dos primeiros Obradoiros de mellora da competencia comunicativa do profesorado, que forman parte do Plan de Formación do Profesorado da Consellería para este curso e a través do cal se ofertan máis de 5.800 accións formativas enfocadas á dixitalización, a innovación e a convivencia como liñas prioritarias.
O titular de Educación puxo en valor a aposta do seu departamento por ofrecer aos docentes unha formación “adaptada aos retos de futuro que temos por diante”, xa que “a calidade e a excelencia dos sistemas educativos garda unha relación directa cos niveis de desenvolvemento e formación competencial dos seus docentes”, abondou. Neste senso, subliñou que xornadas coma a de hoxe axudan “a afianzar o traballo en equipo, a creatividade, a detección e atención das necesidades de apoio educativo nas aulas e, por suposto, as habilidades comunicativas do profesorado e do alumnado”.
Nas xornadas de hoxe, as primeiras deste tipo que se organizan, os participantes afondan nas estratexias e metodoloxías comunicativas tanto verbais coma non verbais dentro da aula e no conxunto da comunidade educativa a través de relatorios, debates e obradoiros específicos.