Máis de 12.000 alumnos de FP e ensinanzas de réxime especial poderán acreditar as súas competencias dixitais

A Consellería de Educación abre o prazo ata o 22 de maio para que os estudantes poidan obter un certificado de nivel inicial u intermedio neste eido

Con esta convocatoria complétase o proceso para acceder a estes certificados no sistema educativo logo de implantalo antes para ESO, Bacharelato e profesorado

Mér, 01/05/2024 - 12:21
c

Máis de 12.000 alumnos de FP, ensinanzas profesionais de artes plásticas e deseño e ensinanzas de Educación Secundaria e Bacharelato para persoas adultas poderán acreditar as súas competencias dixitais desde o sistema educativo. A Consellería de Educación, Ciencia, FP e Universidades publicará mañá a resolución a través da que, desde este mesmo curso, os titulados nas devanditas ensinanzas poidan obter un certificado de iniciación ou intermedio do seu desempeño neste eido.

Con esta convocatoria, a Xunta completa o proceso para acceder a estes certificados no sistema educativo logo de implantalo nos últimos meses para as etapas de ESO e Bacharelato e para o conxunto do profesorado.

A acreditación das competencias dixitais do alumnado poderase obter por tres vías: titular nunha das devanditas ensinanzas, superar unha proba específica ou combinando ambas as opcións.

Acreditación automática

En concreto, acreditarán de xeito automático o nivel de iniciación os alumnos que no curso 2023/24 obteñan un título de FP Básica ou de graduado en ESO no réxime para persoas adultas.

No caso do certificado de nivel intermedio, será automático para os que obteñan un título de FP de grao superior ou de técnico superior de artes plásticas e deseño de réxime especial, así como un título de máster de FP, sempre e cando acredite dispor dun título de técnico superior ou técnica superior.

A maiores, obterán a acreditación os titulados nun ciclo de grao medio en Sistemas Microinformáticos e Redes, en Instalacións de Telecomunicacións ou en Instalacións Eléctricas e Automáticas, ademais dos que rematen os cursos de especialización en Implementación de Redes 5G ou en Instalación e Mantemento de Sistemas Conectados a Internet, sempre que o alumnado acredite dispor dun título de técnico ou técnica, ou de técnico superior ou técnica superior.

Proba específica

Para o resto de titulacións ou para obter o seguinte nivel de acreditación –é dicir, para obter o nivel intermedio– haberá que superar unha proba, xa sexa de modo completo ou só dunha parte. Os alumnos que así o desexen poderán solicitalo ata o 22 de maio a través dos seus correspondentes centros.

As probas desenvolveranse tamén nos propios centros, no mes de xuño, nunha data aínda por determinar e desenvolveranse de acordo cos estándares establecidos no Marco galego de competencias dixitais para cada nivel.

A certificación que acredite un nivel completo de competencias estará dispoñible na Carpeta cidadá da sede electrónica da Xunta de Galicia de cada alumno. No caso de que o estudante só acade un certificado parcial, para algunhas áreas de dominio, este será entregado polo centro educativo ao estudante.

Primeiro sistema específico

O obxectivo desta acreditación é garantir a axeitada formación e preparación tanto de alumnos coma de docentes para afrontar os novos retos nunha sociedade cada vez máis cambiante. Enmárcase na Estratexia EduDixital 2030, que ten a acreditación de competencias dixitais como unha das súas accións de impacto. Galicia é a primeira comunidade autónoma en habilitar un sistema específico de acreditación de competencias dixitais para o ensino, tanto para docentes como para alumnos.

De feito, na primeira fase obtiveron xa acreditacións de competencia dixital preto de 20.500 docentes, en base á formación específica coa que xa contaban. A Consellería está traballando nun paquete de accións específicas para mellorar o nivel de competencias dixitais do conxunto do profesorado, tanto para que os docentes xa acreditados incrementen o nivel obtido como para que o resto poida acadar un primeiro nivel de acreditación. A previsión é que ata finais deste curso poidan acreditar as súas competencias arredor de 30.000 profesores e 20.000 deles poidan incrementar o nivel inicial acadado nesta primeira fase.

De xeito paralelo, máis de 49.000 alumnos de ESO e Bacharelato acreditarán este curso as súas competencias dixitais a través do novo sistema habilitado pola Consellería, tamén nos niveis de iniciación e intermedio.