Román Rodríguez avoga polo impulso da ciencia e a innovación tras a integración de GAIN en Educación

O conselleiro preside a toma de posesión de Carmen Cotelo como nova directora da Axencia Galega de Innovación, que se compromete a aproveitar “todo o potencial de talento e coñecemento” para facer de Galicia “un referente de I+D+i”

Ven, 26/04/2024 - 13:33
g

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, avoga polo impulso da ciencia e a innovación como “unha oportunidade de futuro” para Galicia. Así o sinalou esta mañá con motivo da toma de posesión de Carmen Cotelo Queijo como directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) dentro do organigrama da Consellería, de quen destacou o seu coñecemento nesta área avalado pola súa traxectoria profesional.

Nesta nova lexislatura que acaba de comezar, o titular de Educación expresou que o seu departamento vai traballar para reforzar a cooperación entre o eido educativo e o empresarial co fin de avanzar no coñecemento aplicado á mellora social “buscando ser útiles para a ciencia, a investigación, os sectores produtivos, a sociedade e, en definitiva, a Galicia”. Tamén aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo desenvolvido ata o de agora á fronte da Axencia por Patricia Argerey -presente no acto- e o seu equipo, polo traballo levado a cabo nos últimos anos.

Pola súa banda, a nova directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, comprometeuse a traballar para aproveitar “todo o potencial de talento e coñecemento” que existe para posicionar a Galicia “como un referente de I+D+i”.

Currículo da nova directora

A directora do GAIN é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, na que tamén obtivo o doutorado na área de Computación. Iniciou a súa traxectoria profesional no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no ano 1999, onde desenvolveu actividades de carácter científico, técnico e de xestión, principalmente no marco de proxectos de I+D+i rexionais, estatais e europeos.

En 2018 incorporouse á Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) para traballar na área de Innovación e Programas Europeos, da que foi directora adxunta, colaborando estreitamente coas Universidades, Centros Tecnolóxicos, empresas e organismos públicos, galegos e de toda Europa para a captación de financiación pública e o desenvolvemento de estratexias. Neste contexto, contribuíu á formación de máis 200 consorcios e ao desenvolvemento de máis de 30 proxectos de I+D+i europeos.

Desde 2023 desempeñou o cargo de directora de innovación no Centro Internacional de Cuántica de Fujitsu, traballando no establecemento de colaboracións a nivel galego, español e europeo, co obxectivo de posicionar a Galicia como un referente en computación cuántica e acelerar a adopción destas tecnoloxías mediante a colaboración público-privada.