Rueda destaca que a excelencia do sistema de investigación de Galicia sitúa á comunidade coma un referente nacional e internacional

Subliña a aposta do Goberno autonómico coa Ciencia ao incorporar esta competencia na Consellería de Educación, Universidades e FP

Afirma a importancia de “poñer os medios para que se poida seguir traballando” dentro da comunidade

Mar, 23/04/2024 - 15:30
r

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a excelencia do sistema investigador e científico de Galicia que sitúan á I+D+i galega coma un referente a nivel nacional e internacional.

Durante unha visita ás instalacións do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) de Santiago de Compostela, Rueda salientou o compromiso da Xunta coa ciencia ao incorporar esta competencia á Consellería de Educación, Universidade e FP e apostar por seguir ampliando o número de centros de investigación de excelencia na comunidade.

A Rede de Centros de Investigación Universitaria  de Galicia (CIGUS) conta na actualidade con oito centros acreditados nos que traballan 1.650 científicos. Nesta liña, o presidente da Xunta afirmou que “o que temos que facer é poñer os medios para que se poida seguir traballando” e isto significa nunha aposta da Xunta por ofrecer “tempo, retribución, estabilidade e capacidade de formar equipos” a todos os investigadores da comunidade.

O titular do Goberno galego subliñou a aposta da Xunta polo apoio a estes centros punteiros. Nesta liña, a Xunta traballa na ampliación do número de centros que forman parte desta rede de excelencia, que se verá reforzada coa creación da categoría de Centros de Investigación Colaborativos. Con este fin, aumentarase tamén o investimento por parte do Goberno galego.

Por último, Rueda agradeceu o labor diario que realizan os milleiros de investigadores que traballan na comunidade e fixo fincapé na importancia de “reter o talento que hai na nosa terra” e que os investigadores galegos poidan “atopar aquí as oportunidades”.