Unha vintena de centros escolares compiten para representar a Galicia na fase nacional do programa de satélites da Axencia Espacial Europea
O aeródromo das Gaivotas, en Cerceda, acolle o lanzamento de Cansat, no que participan 23 equipos e máis de 140 alumnos
O día 26 presentaranse os resultados dos proxectos e revelarase o equipo gañador
Un total de 23 equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda.
A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.
Antes de lanzar os satélites, os máis de 140 alumnos participantes comprobaron os pesos, medidas, baterías e frecuencias dos aparellos. A continuación, valéronse de drons para o lanzamento, baixo a coordinación e supervisión de Aeromedia. Finalmente, desprazáronse ata o lugar onde descenderon os artefactos para recuperalos.
Deste xeito, o programa Cansat contribúe a mellorar as competencias científicas do alumnado, ao tempo que os axuda a desenvolverse na resolución de retos tecnolóxicos.
Os centros e equipos participantes son os recollidos na seguinte táboa:
Provincia |
Concello |
Centro |
Equipo |
Coruña, A |
Arteixo |
IES Manuel Murguía |
Cosmurguía |
Coruña, A |
Betanzos |
CPR Plurilingüe Nuestra Señora Carmen |
NOE |
Coruña, A |
Cariño |
IES Cabo Ortegal |
PixinSat |
Coruña, A |
Coruña, A |
CPR Compañía de María |
CMCSAT24 |
Coruña, A |
Ferrol |
CPR Ayala |
AyalaSAT |
Coruña, A |
Muxía |
IES Ramón Caamaño |
Muxía en órbita |
Coruña, A |
Noia |
IES Virxe do Mar |
Lata espacial |
Coruña, A |
Ortigueira |
IES de Ortigueira |
TecnoOrtigueira |
Coruña, A |
Pontes de García Rodríguez, As |
IES Castro da Uz |
Uzspace |
Lugo |
Burela |
IES Perdouro |
Foghete Pataqueiro-73X |
Lugo |
Lugo |
IES Leiras Pulpeiro |
LASA/Tecno-Leiras |
Lugo |
Mondoñedo |
IES Plurilingüe San Rosendo |
MINDOROCKETSAT |
Ourense |
Gudiña, A |
CPI Laureano Prieto |
Club de Ciencias Laureano Prieto |
Ourense |
Ourense |
IES O Couto |
As programadoras do Couto/Frutilla |
Pontevedra |
Caldas |
IES Aquis Celenis |
AquisSat3/AquisSat4 |
Pontevedra |
Vigo |
IES Álvaro Cunqueiro |
Panoramix VII/CoiaSat |
Pontevedra |
Vigo |
IES República Oriental do Uruguai |
Rousat-1 |
Pontevedra |
Vigo |
CPR Las Acacias |
Las Acacias SAT |
Pontevedra |
Vigo |
CPR Montecastelo |
MontecasteloSAT |
Tras o lanzamento de hoxe, o día 26 desenvolverase un evento para presentar os resultados dos proxectos, nos que se valorará a parte de programación e de construción de hardware, así como a parte de comunicación e difusión das propostas. O equipo gañador da fase rexional representará a Galicia na fase nacional.
Un CanSat é unha simulación satélite integrada dentro dunha lata de refrescos. O desafío para o alumnado consiste en introducir nun espazo reducido os principais elementos dun satélite real, como a alimentación eléctrica, os sensores e o sistema de comunicacións. A continuación, lánzase o CanSat ou déixase caer desde unha plataforma mediante un dron, un globo cativo, un foguete ou calquera outro método. O experimento científico consiste en lograr unha aterraxe sen danos e a análise dos datos durante o descenso.