Vázquez Abad destaca o esforzo dos alumnos do curso preparatorio para alumnos con necesidades educativas especiais do conservatorio profesional de música da Coruña

O Conselleiro de Cultura e Educación recordou que este proxecto innovador, no que inicialmente participan 11 alumnos, so se realiza en Galicia e Valencia

Trátase dun curso que desde este mes, e ata finais de curso, lles prepara para o exame de acceso ao Grao Elemental

Ven, 09/03/2012 - 18:05
Conservatorio profesional de música da Coruña
Vázquez Abad destaca o esforzo dos alumnos do curso preparatorio para alumnos con necesidades educativas especiais do conservatorio profesional de música da Coruña

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a importancia do anovador traballo didáctico que se está a desenvolver no Conservatorio Profesional de Música da Coruña a través dun curso preparatorio para alumnos con necesidade educativas especiais.

Nese sentido, lembrou na súa visita ao centro que a lexislación educativa veu facilitando e mellorando a integración social e laboral do alumnado con necesidades educativas especiais. “Estas persoas –dixo–teñen dereito a beneficiarse dos mesmos servizos educativos e formativos que o resto de cidadáns, entre eles e neste caso, as ensinanzas reguladas de música. Os once estudantes –engadiu–teñen unha gran oportunidade de realizar os seus soños, e o noso labor brindarlles en todo caso as mesmas facilidades que ao resto de alumnado”.

 

Vázquez Abad recordou tamén que “este programa que se está a desenvolver en Galicia é pioneiro nos Conservatorios da comunidade e, de feito, cómpre sinalar que tan só se está a desenvolver aquí e máis en Valencia”.

Proba de acceso

Valorando a aposta pola innovación educativa así como o nivel de autonomía dos centros escolares, o proxecto educativo supón a incorporación destes once estudiantes, de entre 12 e 18 anos, que teñen necesidades educativas especiais derivadas de enfermidades como síndrome de Down ou o síndrome de Williams.

Os alumnos están a recibir desde comezos de semana, e ata finais de curso, sesións de formación musical que lles facilitarán chegar preparados á proba de acceso ao Grao Elemental que se realiza no mes de xuño.

A preparación da proba de acceso a través do presente cursiño proporcionará, tanto ós alumnos como ós profesores, unha primeira toma de contacto que axudará a definir as bases deste proxecto que aposta pola educación inclusiva. Estas probas avalían as aptitudes auditivas e vocais, rítmicas e psicomotrices dos alumnos, aptitudes que estes alumnos desenvolverán ó longo deste cursiño.

Durante a súa visita o conselleiro incidiu en que “tanto o profesorado como as familias están a desenvolver un traballo excepcional para que estas alumnas e alumnos acaden os seus soños, para o que están a facer un gran esforzo persoal que temos que recoñecer todos os días. Confiemos en que todos eles obteñan os mellores resultados no mes de xuño”.

O titular do departamento educativo asegura que “esta é unha nova aposta pola igualdade de oportunidades a través dunha educación de calidade e, neste caso, damos resposta a estudantes que a pesares das necesidades educativas especiais deben ter as oportunidades precisas para desenvolver as súas inquedanzas artísticas. Do mesmo xeito, e xunto co Conservatorio Profesional da Coruña, o curso pasado a Consellería xa desenvolveu un taller de musicoterapia que tamén permitía que os rapaces con necesidades especiais se achegaran á música”.

Proxectos innovadores

O conselleiro tamén recordou que “o ano que ven se desenvolverá neste centro a continuación do que este mes se está a desenvolver, e que é un proxecto, con carácter experimental e de innovación educativa, para a incorporación do alumnado con necesidades especiais aos estudos elementais de música no Conservatorio”.

Durante o percorrido polo centro, o conselleiro asistiu ás clases preparatorias dos estudantes e estivo acompañado polo director do CMUS, Jesús López Prado, a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, o xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana, e o subdirector xeral de Ensinanzas Especiais e Formación Permanente da Consellería, Juan Durán.