A escritora Arantza Portabales obtén o Premio Clubs de Lectura 2024

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP recoñece a esta autora galega por ser a máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso

Mar, 23/04/2024 - 12:05
a

Co gallo da celebración do Día do Libro, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP anuncia que a escritora Arantza Portabales obtén o Premio Clubs de Lectura 2024 por ser a autora galega máis lida nas bibliotecas escolares durante este curso escolar.

Este premio, que se creou no ano 2015, ten por obxecto recoñecer o labor dos autores con obra en lingua galega que facilitan cos seus libros a función do profesorado como mediadores de lectura e que concitan o interese dos lectores que participan nos clubs.

Ata o momento recibiron o premio os escritores Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, Miguelanxo Prado, Carlos Negro, María Reimóndez, Andrea Maceiras, Eva Mejuto, Antía Yáñez e Manuel Núñez Singala. Todos eles, comprometidos coa lingua galega, axudan á construción de lectores nas etapas da adolescencia e a mocidade que, no ámbito da lectura, están consideradas como etapas de risco de abandono.

Arantza Portabales é unha das autoras máis seguidas polo lectorado xuvenil galego. Comezou a escribir en 2013 no xénero do microrrelato. No 2015 publica o seu primeiro libro en galego e colleita case unha decena de galardóns, como o premio á mellor novela europea traducida do Casino de Santiago de Compostela con Deixe a súa mensaxe despois do sinal ou o premio Manuel Murguía de relato con Xanelas, entre outros.

432 centros participantes

Este curso, un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación, desenvolven clubs de lectura nas súas bibliotecas grazas ao apoio da Xunta, que destina un total de 400.000 euros a este programa. O obxectivo desta iniciativa da Consellería de Educación, enmarcada no Plan LÍA (Lectura, Información e Aprendizaxe) 2021-2025, é fomentar e consolidar os hábitos lectores e as competencias básicas do alumnado, como son a comunicación lingüística, as competencias sociais, culturais e sociais, entre outras.

Por provincias, 162 dos centros integrados son da Coruña (24 de nova incorporación), 60 de Lugo (cinco novos), 54 de Ourense (seis novos) e 155 de Pontevedra (18 novos).