Rueda anuncia que arrancan os trámites para facer efectiva a matrícula gratuíta para todos os estudantes de grao universitario e de ensinanzas artísticas superiores a partir do vindeiro curso 2024-25
Salienta que, deste xeito, o acceso ao ensino público en Galicia “será totalmente gratis” desde as escolas infantís ata rematar unha carreira
A matrícula será de balde para todos os que inicien estudos en primeiro curso así como para os de segundo e posteriores cursos que superen unha porcentaxe de créditos entre o 65% e o 90% segundo a área de coñecemento
O conselleiro de Educación destaca que Galicia convértese, así, na única comunidade autónoma onde é posible obter unha titulación de grao totalmente gratuíta para as familias
A maiores, o Goberno galego seguirá mantendo conxeladas as taxas dos másteres, os máis baratos do Estado
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Goberno autonómico xa está a traballar nos trámites para facer efectiva a gratuidade de matrícula para todos os estudantes de grao universitario e de Ensinanzas Artísticas Superiores a partir do vindeiro curso 2024-2025.
O departamento que dirixe Román Rodríguez elevou ao Consello da Xunta un informe sobre a tramitación administrativa para formalizar esta acción de apoio ás familias que, segundo resaltou o presidente, vaise sumar a gratuidade xa aplicada na educación de 0 a 3 anos. Na práctica isto implica que en Galicia “o acceso ao ensino público vai ser totalmente gratuíto” desde a escola infantil e ata rematar un grao universitario.
Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e FP, Román Rodríguez, salientou que se trata dunha medida “pioneira” no conxunto do Estado xa que Galicia será a primeira comunidade autónoma en garantir o acceso gratuíto aos estudos universitarios, con matrícula de balde para todos aqueles que se matriculan por primeira vez, así como para o resto dos cursos superados ata obter o título correspondente.
Isto significa que todos os universitarios que aproben van ter asegurada a matrícula gratuíta ao longo de toda a súa carreira universitaria a partir do próximo setembro, o que converte a Galicia na única comunidade autónoma onde é posible obter unha titulación de grao totalmente de balde.
A medida será de aplicación a todos estudantes de grao matriculados en calquera das tres universidades públicas do Sistema Universitario Galego (SUG) así como aos estudantes de Ensinanzas Artísticas Superiores (Música, Arte Dramática, Deseño e Conservación e Restauración de Bens Culturais) en centros públicos galegos, tanto no caso de novo ingreso como no de continuidade de estudos.
Así pois, as familias cuxos fillos e fillas inicien por primeira vez estudos de grao ou de artísticas o próximo mes de setembro non terán que desembolsar ningunha matrícula, o que supón maior facilidade de entrada para todos os estudantes e contribúe á igualdade de oportunidades.
Tamén será gratuíta para os alumnos do resto dos cursos ata finalizar o grao (segundo, terceiro e cuarto, ademais de quinto e sexto naquelas de maior duración) que aproben a porcentaxe de créditos establecida para cada área de coñecemento.
Para acceder á matrícula gratuíta, no caso dos estudantes de novo ingreso que debutan na universidade, deberán ter superado a parte obrigatoria da ABAU en Galicia na convocatoria de 2024 ou un ciclo superior de FP en calquera centro galego.
Para os estudantes de continuidade (segundo e sucesivos cursos), deberon estar matriculados nun grao nunha universidade pública galega durante o curso anterior (isto é, no actual 2023-24) e ter superados o 90% dos créditos nos graos das áreas de Humanidades e Xurídicas, o 80% dos créditos nos da área da Saúde e o 65% no caso das Enxeñarías e graos da área de Ciencias, empregando así as mesmas porcentaxes que as bolsas a nivel estatal.
A previsión, tal e como salientou o conselleiro, é que as familias de alumnos universitarios poidan aforrar entre 700 e 800 euros ao ano, unha contía que sería duns 380 euros de medio ao ano para os matriculados en ensinanzas artísticas.
Redobrar esforzos no apoio ás familias
Tal e como destacaron Rueda e Rodriguez, esta medida supón redobrar a aposta da Xunta de Galicia polo apoio ás familias coa gratuidade da educación para o alumnado desde que entra na gardería, na etapa 0-3 anos, ata que remata os seus estudos universitarios, ao tempo que “se fomenta a cultura do esforzo”, premiando o interese, a dedicación e o bo aproveitamento académico.
Rueda lembrou que Galicia xa levaba 13 anos coas matrículas universitarias conxeladas, unha medida mellorada agora coa gratuidade total para todos os cursos de grao. No caso dos estudos de máster, as taxas vanse manter conxeladas unha vez máis no prezo medio de 11,89€/crédito, o que supón un importante aforro para as familias.
Deste xeito, Galicia vai ter a universidade máis accesible de toda España, coa matrícula de grao gratuíta e os másteres máis baratos do Estado.