O Consello da Xunta nomea a Carmen Cotelo Queijo como nova directora da Axencia Galega de Innovación

Substitúe no cargo a Patricia Argerey, que o viña desempeñando desde o ano 2016 e á que o Goberno galego agradece os servizos prestados

Lun, 22/04/2024 - 21:28
c

O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento de Carmen Cotelo Queijo como nova directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN). Substitúe no cargo a Patricia Argerey, que o viña desempeñando desde o ano 2016 e á que o Goberno galego agradece os servizos prestados á fronte desta entidade, fundamental para o impulso da I+D+i na nosa comunidade.

Nada na Coruña en 1974, a nova directora do GAIN é licenciada en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, na que tamén obtivo o doutorado na área de Computación. Desde o inicio da súa traxectoria profesional estivo vinculada á I+D+i desde diferentes roles, conferíndolle unha visión holística de todos os axentes do ecosistema de innovación galego.

Iniciou a súa traxectoria profesional no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) no ano 1999, onde desenvolveu actividades de carácter científico, técnico e de xestión, principalmente no marco de proxectos de I+D+i rexionais, estatais e europeos.

En 2018 incorporouse á Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) para traballar na área de Innovación e Programas Europeos, da que foi directora adxunta, colaborando estreitamente coas Universidades, Centros Tecnolóxicos, empresas e organismos públicos, galegos e de toda Europa para a captación de financiación pública e o desenvolvemento de estratexias. Neste contexto, contribuíu á formación de máis 200 consorcios e ao desenvolvemento de máis de 30 proxectos de I+D+i europeos.

Desde 2023 desempeñou o cargo de directora de innovación no Centro Internacional de Cuántica de Fujitsu, traballando no establecemento de colaboracións a nivel galego, español e europeo, co obxectivo de posicionar a Galicia como un referente en computación cuántica e acelerar a adopción destas tecnoloxías mediante a colaboración público-privada.