Juan José Nieto Roig presidirá a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG)
O Consello da Xunta ratifica o nomeamento do novo presidente, que substitúe a Patrocinio Morrondo, que exercía no cargo desde 2009
O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento de Juan José Nieto Roig como novo presidente do Consorcio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), en substitución de María Patrocinio Morrondo Pelayo, que exercía no cargo desde 2009.
Juan José Nieto Roig é catedrático da área de Análise Matemático na Universidade de Santiago e coordinador do grupo de investigación sobre Ecuacións Diferenciais, cunha traxectoria profesional centrada na investigación e divulgación do estudo dos sistemas dinámicos, a modelización matemática e as súas aplicacións ao ámbito biomédico.
No ano 2010 foi, segundo Thomson Reuters, un dos 13 científicos con máis artigos de gran influencia. E figura nas últimas edicións da lista publicada por Clarivate Analystics (antes Thomsom Reuters) dos Investigadores Altamente Citados.
Ademais, exerceu como editor-xefe da revista Nonlinear Analysis, e na actualidade é editor do Journal of Mathematical Analysis and Applications e do International Journal of Biomathematics, así como do Journal of the Franklin Institute. Tamén foi becario Fulbright na Universidade de Texas (EEUU) e na actualidade é membro da Real Academia Galega de Ciencias.
Sistema adaptado aos cambios sociais
A ACSUG ten como misión fundamental contribuír á mellora da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG) e que este se manteña permanentemente actualizado e adaptado ás necesidades sociais cambiantes. Para lograr os seus obxectivos, elabora informes, avaliacións, certificacións e acreditacións das actividades que desenvolven as universidades galegas, especialmente as referidas á docencia, á investigación, a transferencia de coñecemento e á xestión.
Como novo presidente da ACSUG, Juan José Nieto Roig terá, entre outras, as funcións de representar institucionalmente á axencia, supervisar as súas actividades e elevar ao Consello a documentación e os informes que considere pertinentes.