A Consellería de Cultura e Educación participa na clausura das VIII Xornadas Ensino/Empresa do CIFP Ferrolterra

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa representou ao departamento educativo da Xunta de Galicia neste evento

Ven, 09/03/2012 - 16:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, participou hoxe na clausura das VIII Xornadas Ensino/Empresa organizadas polo Centro Integrado de Formación Profesional Ferrolterra, co obxectivo de amosar aos estudantes as posibles saídas laborais de diferentes familias da Formación Profesional e abordar os ámbitos nos que lles permiten afondar os ciclos formativos.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, representou á Consellería na clausura deste evento, onde salientou a aposta que está a facer a Consellería “por ofrecer ao alumnado galego unha formación profesional acorde coas necesidades de produción da nosa sociedade, xa que a formación dos nosos traballadores é peza clave da economía no presente e, por suposto, no futuro”.

Para iso, incidiu na importancia de contar cunha axeitada Rede de centros integrados de formación profesional, “baseada nun uso eficiente dos recursos dispoñibles, na ampliación e axuste do conxunto das súas instalacións e no achegamento á poboación do procedemento para o recoñecemento, a avaliación, a acreditación e a certificación da competencia profesional”. Neste sentido lembrou que Galicia conta con 17 CIFP, entre eles o propio Ferrolterra, ao que agradeceu o traballo de organización destas xornadas, mostra de seu interese “en achegar aos mozos e mozas da comarca Ferrolterra, futuros profesionais, toda a información e formación que é fundamental para o colectivo da Formación Profesional e, neste caso, para as familias profesionais que o voso centro oferta”.

Unir esforzos

O director xeral incidiu na importancia de que todos os membros da comunidade educativa “unamos os nosos esforzos, nun momento complicado coma este, para poder formar a unha xeración preparada para afrontar os retos de futuro”.

“Nesta apaixonante tarefa debemos traballar e colaborar coas diferentes estruturas e organizacións dos sectores empresariais da comarca”, dixo, ao tempo que recordou que a Consellería vén asinando diferentes acordos e convenios de colaboración con asociacións de empresarios e empresas para a promoción e formación profesional “non só da comarca de Ferrolterra, senón tamén no resto de Galicia”.

Familias profesionais

As xornadas, que comezaron o pasado 1 de marzo, dedicaron un día a abordar cuestión relacionadas cunha familia profesional da FP. Así afondouse nas técnicas educativas e no síndrome de Down, en referencia á familia de Servizos Socioculturais e á Comunidade; e no traballo con máquinas virtuais en local e rede, e as instalacións audiovisuais, no caso da familia da Electrónica.

Respecto das familias profesionais da Enerxía e Auga e da Electricidade, as xornadas contaron coa participación de representantes de APPLUS, OCV Solar Térmica, Electrorayma e IDM Sistemas Energéticos, entre outros. Así mesmo ofreceuse información arredor da incorporación á vida laboral nestes sectores.

Sobre os ciclos de Fabricación mecánica, expuxéronse os procesos construtivos e de fabricación nas máquinas ferramentas, e abordouse ademais a formación na pequena e mediana empresa. Outra das familias protagonista das xornadas foi a de madeira e moble, arredor da que se desenvolveu unha demostración práctica de produtos e maquinaria para instalación e montaxe de elementos de madeira, ademais dun relatorio sobre tratamentos de conservación e protección deste material.

O programa completouse hoxe coas charlas relacionadas cos ciclos de Transporte e mantemento de vehículos, nas que destacou a presentación do novo paradigma na mobilidade urbana, con especial atención aos vehículos eléctricos nas cidades.