Román Rodríguez agradece a Espido Freire a súa contribución á reflexión sobre o uso das tecnoloxías
A iniciativa forma parte do programa do ciclo de Cultura Científica impulsado pola Xunta de Galicia en torno á dixitalización e o seu uso nas aulas
O conselleiro de Educación, Ciencia, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañou hoxe a Espido Freire na súa charla Palabras e pensamento: a ciencia e o seu fío narrativo ofrecida pola escritora no marco da segunda edición do ciclo de Cultura Científica impulsado pola Xunta de Galicia baixo o título Tecnoloxía con sentidiño.
O responsable autonómico de Educación agradeceu a participación de diferentes profesionais neste programa de conferencias, así como a contribución de Espido Freire “á reflexión sobre o uso das tecnoloxías”. “A tecnoloxía xoga un papel clave nas nosas vidas, pero é importante actuar con responsabilidade e sentidiño”, afirmou antes de referirse “ás moitas oportunidades e campos que se abren con estas novas ferramentas e os múltiples desafíos que debemos enfrontar para garantir que beneficien a todos”.
A Xunta organiza este ciclo nun momento no que o uso da tecnoloxías é motivo de debate, tamén no ámbito do ensino. O obxectivo é ofrecer certezas e contribuír a unha reflexión seria e documentada, con expertos do maior nivel, e baseada en investigacións.
Próxima cita: 2 de maio
O Ciclo de Cultura Científica aborda nesta segunda edición temáticas en torno ao eixo común da tecnoloxía, como o uso da mesma nas aulas, a súa relación coa saúde infanto-xuvenil e a psicoloxía ou a Intelixencia Artificial, entre outros. Trátase dun programa de conferencias que se prolongará ata o mes de xuño coa participación de profesionais de diversos ámbitos. Así, tras a cita de hoxe, será a quenda de José César Perales, catedrático de Psicoloxía experimental da Universidade de Granada, que o 2 de maio afondará nos Mitos e evidencias sobre o uso intensivo de dispositivos e aplicación na rede.