A Xunta destinará case 600.000€ ao sostemento dos centros de ensino Puga Ramón e Rosalía Mera, da Deputación da Coruña
Renóvase o convenio de colaboración coa entidade provincial nos mesmos termos económicos para atender a arredor de 700 alumnos
O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á renovación dos convenios de colaboración coa Deputación da Coruña para o sostemento dos centros educativos Puga Ramón e Rosalía Mera. O Goberno galego destinará case 600.000€ a apoiar o servizo público educativo no curso 2024/25 nestes centros, que atenden máis de 700 alumnos.
A achega da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, que se mantén respecto do actual ano académico, destinarase a financiar durante o vindeiro curso parte dos gastos de persoal (docente e de administración e servizos), gastos xerais (subministración e reparacións), mantemento, limpeza e conservación.
O departamento educativo da Xunta de Galicia vén prestando o seu apoio á institución provincial para o soporte destes dous centros educativos desde hai anos, de tal xeito que a renovación desta colaboración dá continuidade á prestación deste servizo de ensino público.